Xove ofertará desde xaneiro un novo curso de socorrismo

O Concello xovense é o único municipio da comarca que ofrece a formación, para desempregados, con 15 prazas e de balde

Curso de socorrismo en Xove. AXM

O Concello de Xove realizará o vindeiro ano un novo curso de socorrismo en espazos acuáticos naturais. Poderán acceder ao curso as persoas desempregadas coa titulación da ESO ou similar, que deberán inscribirse na súa oficina de emprego correspondente.

Segundo expuxo o departamento de emprego, o curso comezará o 8 de xaneiro e rematará o 15 de maio do 2020, cun horario de luns a venres de 16.00 a 21.00 horas.

A selección do alumnado realizarase o día 27 de decembro na aula de formación ás 10.30 horas. Alí se comprobará que as persoas demandantes que recibiron a carta da oficina de emprego de Burela reúnen todos os requisitos para acceder ao curso.

A continuación, na piscina municipal realizarase a selección de alumnado que consistirá nunha proba de natación en estilo libre de 200 metros.

O Concello de Xove ofertará 15 prazas, e de non cubrirse ese día faranse outras seleccións con persoas interesadas que cumpran os requisitos. Informan no departamento de emprego e desenvolvemento local de Xove (982.59.20.01).

POLÉMICA ENTRE XUNTA E CONCELLOS

A falta de socorristas na Mariña Lucense foi unha constante ao longo dos últimos veráns. Xove e o único municipio da comarca que oferta este curso, gratuíto para os participantes. Varios concellos reclamaron á Xunta de Galicia que rebaixe as esixencias no tocante á formación dos socorristas, dado que entenden que disuaden aos interesados de matricularse pola cantidade de horas a cubrir e tamén polo elevado prezo da matricula, que neste caso será de balde.

Outros gobernos locais pediron á Xunta que aumente o financiamento dos profesionais de dous a tres meses para darlles unha maior estabilidade laboral.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here