InicioEconomíaOs obreiros de Alcoa piden a PSOE e Podemos que non pechen...

Os obreiros de Alcoa piden a PSOE e Podemos que non pechen un pacto sen solución para as electrointensivas

Os sindicatos entrevistaranse este mércores en Madrid con representantes de todos os partidos

Publicada o

- Advertisement -

Obreiros de Alcoa esixiron este mércores no Congreso a deputados de PSOE e Unidas Podemos non pechar un pacto para a investidura de Pedro Sánchez que non contemple unha solución para a industria electrointensiva, para a que reclaman un abaratamento da luz -sen o que a multinacional ameaza con pechar a planta de aluminio- e cambios nas condicións da poxa de interrompibilidade, que se está a celebrar estes días, para o próximo ano.

“Cremos que non debe haber Goberno se este tema non queda pechado. Sería a segunda reconversión industrial, e esta sería máis salvaxe porque quedariamos sen industria no Estado”, afirmou o presidente do comité de empresa da planta de San Cibrao (Lugo), José Antonio Zan tras concluír a segunda das súas reunións no Congreso. Os sindicatos veranse con representantes de todas as forzas políticas este mércores. Tamén serán recibidos en Génova por Pablo Casado.

AS CONDICIÓNS DA POXA DE INTERROMPIBILIDADE, “UNHA ANIMALADA”

Para Zan, a formulación da nova poxa de interrompibilidade, que subasta 1.000 MW –1.340 MW menos cá anterior, e en lotes máis fragmentados, ao eliminar os paquetes de 40 MW– “é unha auténtica animalada. Foi cargarse todo o sector industrial electrointensivo”, apostilou, criticando que a titular de Industria en funcións, Reyes Maroto, prometeu aprobala nos mesmos termos que o anterior pero non cumpriu.

“Mentiu, e agora sacaron a poxa como lles saíu dos narices á ministra (de Transición Ecolóxica) Teresa Ribera“, dixo. Para Zan, Ribeira “debe querer baixar todo o CO2 á conta de toda a industria e emprego do país“, e por iso cre “desatinado” que “dirixa a industria o país unha persoa que lle ten tan pouco apego”.

O presidente do comité de empresa lembrou que o Goberno prometeu aprobar antes das eleccións de abril, un novo estatuto do consumidor electrointensivo e que agora esperan ter prezos da enerxía máis baratos antes de que as empresas estean abocadas ao peche. “O PSOE está de lado. Di o presidente que agora se vai a pór aos mandos, esperemos que antes de que nos poñan un ERE encima da mesa”, declarou.

O PSOE PROMETE “CON URXENCIA” O ESTATUTO DAS ELECTROINTENSIVAS

As reunións dos representantes do comité de empresa comezaron a partir das 9.30 horas co PSOE, continuaron con Unidas Podemos e BNG -o deputado Néstor Rego, entre outros- e completáronse na sede do PP na rúa Génova.

Por parte do PSOE acudiron ao encontro os deputados galegos Guillermo Meijón, Ana Prieto e Javier Cerqueiro, ademais do senador César Mogo, que comprometeron a aprobación “coa máxima urxencia” dun novo estatuto “reforzar o diálogo entre o Goberno e o comité” para buscar solucións, pois se trata de “un asunto de máxima prioridade e emerxencia”.

Así mesmo, os socialistas sinalaron que tanto o Ministerio de Industria como o de Transición Ecolóxica buscan “medidas complementarias” para “achegar o prezo da enerxía en España ao da nosa contorna europea”.

PODEMOS PIDE VINCULAR TRANSICIÓN ECOLÓXICA E MANTEMENTO DA INDUSTRIA

Tras a reunión celebrada con Unidas Podemos, á que asistiron os deputados Rafa Mayoral (Podemos), Antón Gómez Reino (Galicia en Común) e Enrique Santiago (EU), os parlamentarios expresaron o seu desexo que a situación na empresa de San Cibrao “se solvente nas próximas semanas”.

Reuni

Reunión do comité con representantes de Unidas Podemos e Galicia En Común. AXM

Santiago asegurou que, “para pechar cuestións programáticas” será unha reivindicación “principal” o “vincular o mantemento da electrointensiva a unha transición que sexa xusta, boa para o medio ambiente e compatible co mantemento do traballo de calidade”.

Gómez Reino lamentou “o proceso de desindustrialización severa” que leva “sufrindo” Galicia e que “se ten que reverter”, mentres que Mayoral afirmou que “o próximo Goberno ten que ter entre as súas prioridades a defensa da industria”.

CASADO COMPROMÉTESE A APOIAR “CANTAS MEDIDAS” FAVOREZAN O ABARATAMENTO DA LUZ

O presidente do Partido Popular, Pablo Casado, comprometeuse co comité a apoiar “cantas medidas suscite o Goberno”, tanto no Congreso como no Senado, que “aseguren un prezo da enerxía eléctrica que faga competitiva a fabricación de aluminio”.

Os traballadores, con Pablo Casado. PP

Este prezo, informaron desde o PP, situaríase entre os 35 e 40 euros, segundo os cálculos expostos polos traballadores ao líder dos ‘populares’ no encontro mantido este mércores na sé do PP na rúa Génova de Madrid.

Para Casado, a aprobación dun novo estatuto para a industria electrointensiva é unha cuestión de “extrema urxencia”, pois os conservadores consideran que con iso se garantirá un prezo da enerxía estable e competitivo cos países da nosa contorna”.

Isto permitiría, apostila esta formación, “o mantemento de miles de postos de traballo directos e indirectos que dependen deste sector, 5.000 deles na provincia de Lugo”.

No PP critican que desde o inicio do Goberno de Pedro Sánchez, fai xa ano e medio, o prezo da luz subiu un 40% para as industrias electrointensivas, e temen que a nova poxa de interrompibilidade supoña “outra subida encuberta do prezo da luz en 2020”.

O BNG CONDICIONA O SEU VOTO A SÁNCHEZ A UNHA SOLUCIÓN PARA ALCOA

Rego, pola súa banda, inmerso nas negociacións co PSOE, ratificou o exposto na planta sancibrense, que o BNG condiciona o seu apoio á investidura a unha solución para a planta de aluminio da Mariña Lucense.

Rubén Cela e Néstor Rego, representante do Bloque no Congreso, cos traballadores. AXM

ARQUIVADA A CAUSA CONTRA OS DEPUTADOS DE PODEMOS

O xuíz que investiga os altercados entre a Policía e traballadores de Alcoa fronte ao Congreso o pasado 28 de marzo arquivou a causa que mantiña aberta contra tres deputados de Unidas Podemos, Rafa Mayoral e os galegos Yolanda Díaz e Antón Gómez Reino.

Todos eles, ademais de Ángela Rodríguez, ex deputada do grupo confederal e tamén de Galicia En Común, estaban a ser investigados por un presunto delito de atentado contra a autoridade durante a protesta.

A causa contra o catro foi arquivada, pero non así contra outros dous traballadores de Alcoa, segundo informaron fontes da formación galega.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...