InicioCentralO pregón de Burela pasa pola Moncloa

O pregón de Burela pasa pola Moncloa

Tres membros do colectivo de xubilados do mar falarán do sector que cambiou o concello

Publicada o

- Advertisement -

A José Ben Quelle -“ponme ‘O Canabalo‘”, apunta-, Hortensio Abad Mon e Santiago Rivera Lestegás sorprendeulles que os elixisen para pregoar as festas de Burela (hoxe na casa da cultura, ás 20.00 horas). Ao principio, a organización tivo que tentear. “Preguntáronnos se queriamos dar unha especie de pregón”, rin. “Para nós é unha satisfacción, pero non sei se estaremos á altura”, dubida Abad. Cren que non teñen acumulados méritos para abrir as patronais, pero poucos poden representar mellor á vila: traballaron -como mariñeiros, patróns, armadores- durante décadas no mar, o sector que transformou o concello.

Ben, Abad e Rivera veñen de ensaiar o pregón e agardan na Moncloa. Así se chama o local social, cercano ao porto, onde os 120 membros da asociación de xubilados do mar de Burela “amañan o país”. O santuario da cultura marítima no que se xuntan cada día, aberto no 2008, está cheo de fotografías de barcos e de aparatos antigos. Presiden o espazo a Virxe do Carme e unha ringleira de retratos dos compañeiros falecidos no traballo. Abad proba a tocar o corno. Á primeira sae ben, á segunda regular. “Os beizos. Hai que poñer ben os beizos”, explica. Están nerviosos e contentos.

o SANTUARIO DA CULTURA MARÍTIMA ACOLLE A 120 PENSIONISTAS

Ben, que ten 83 anos, comezou a ir ao mar aos 13. Lembra traballar en barcos de carbón, tan escasos de medios que non se podían concebir máis ca desprazamentos curtos. Tamén recorda como a xente do pobo ía recoller “todo o día” auga mariña á praia do Cantiño para destilala e que os mariñeiros levasen auga a bordo.

SACRIFICIOS

Daquela non había moito traballo: ou as minas de caolín, ou o gres, ou a conserveira, pero nela gañábase pouco. Embarcar era como tocarche a quiniela”, prosegue. Así, o mar converteuse nun negocio no que os pais tentaban introducir aos fillos e as mulleres quedaban soas á fronte da casa. “Tiñan que facer de todo, choiar por dúas persoas. E aínda por riba, aguantar a incerteza de non saber de nós. Agardar o parte do barco para que lles dixeran simplemente ‘sin novedad’”, lembra Rivera.

“PODE QUE NON TE FALES CON ALGUÉN, PERO AXÚDASLLE. ISO EN TERRA NON PASA”

Os pregoeiros fían anécdotas e retratan o paso dos días en alta mar. “Para min era como estar nun colexio”, expón Rivera. “Ás veces, nas cenas había farra, por debaixo da mesa mallábante a patadas. Un día díxenlles que tiña varices e desde entón librei sempre”, ri. Tamén falan de discusións, porque a tripulación “é como unha familia, non a elixes”, sostén Abad. Pero establécese un compañeirismo singular entre os homes que conviven semanas “nunha casca” á intemperie: “pode que non te fales con alguén, pero se ten un problema na cuberta, axúdaslle. Iso en terra non pasa”, aseguran.

UNHA COSTEIRA, UN 124

Con todo, houbo épocas nas que o sacrificio dos que embarcaban e dos que ficaban en terra rentaba. “Eu vin de Viveiro co posto, para a Vila do Medio, no 1971. E criei catro fillos”, explica Rivera. Os tres pregoeiros recordan períodos nos que unha costeira do bonito, cinco meses de traballo, “daba para mercar un 124, que daquela era dos coches modernos”.

A confraría de pescadores burelesa, aseguran, chegou a ter un superávit de 700 millóns de pesetas. “De aí viñeron moitas cousas. Axudouse á construcción do Hospital da Costa ou mercouse o solar onde está o Concello”, explican. Que lle debe Burela ao mar? “O 95%”, asegura Abad. “Todo”, di Ben. Pois logo non é tan raro que se considere aos inquilinos da Moncloa unhas voces autorizadas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...