InicioMovementos SociaisO Sergas licita arranxos no hospital por dous millóns un día antes...

O Sergas licita arranxos no hospital por dous millóns un día antes da manifestación pola sanidade

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña cita á bisbarra este xoves en Burela para protestar polo deterioro dos servizos tanto no centro hospitalario como en atención primaria

Publicada o

- Advertisement -

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña convoca á veciñanza este xoves -19.30 horas, Hospital da Costa– para unha manifestación contra o deteriorio dos servizos sanitarios tanto no centro hospitalario comarcal coma en atención primaria, e pola recuperación da área sanitaria da bisbarra.

Os convocantes da manifestación, convidan aos mariñaos a sumarse por “unha cuestión como a sanidade, que non entende de cores políticas nin ideoloxías, porque é un dereito básico que reclama unidade”, expón a voceira da plataforma, Montse Porteiro.

UN ANO SEN ÁREA SANITARIA

Cando se cumpre un ano da aprobación da reforma da lei de saúde, que supuxo a supresión das áreas sanitarias da Mariña Lucense e Monforte, que foron asimiladas pola Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Lugo, Cervo e Monforte, a plataforma sanitaria sinala que a bisbarra “cada vez é máis dependente da capital de provincia” malia “as promesas de mellores servizos”.

Malia “a potente obra de ampliación que se acometeu no hospital e a ilusión que se xerou”, o colectivo lembra que non se acompañou o incremento de metros cadrados cunha mellor dotación de servizos.

CARENCIAS DE MEDIOS E DE PERSOAL

Así, a plataforma reclama resonancias fixas, densitometría ósea, os medios para facer radiografías panorámicas dentais ou electromiografías. Ante estas carencias, “seguiremos a desprazarnos a Lugo”, advirte o colectivo.

Os convocantes da manifestación esixen tamén a creación dunha consulta de enfermería oncolóxica no Hospital de día oncohematolóxico, recentemente trasladado á parte nova do centro hospitalario. A dotación dun servizo de cirurxía vascular é outra das demandas da plataforma.

Pese a que o Sergas vén de contratar dous fisioterapeutas para o hospital, a plataforma sinala que son precisos máis profesionais -tanto no centro hospitalario como nos centros de saúde para habilitar quendas de tarde- ante as “longas listaxes de agarda”. O colectivo resalta que a dotación de novos especialistas só respondeu “á mobilización social”.

A situación de logopedia tamén suscitou críticas por parte da plataforma, que denunciou a suspensión de tratamentos, con nenos que teñen “ata 20 sesións pendentes“. O Sergas anunciou o pasado mércores o concerto do servizo cunha clínica privada de Burela, trala ruptura do anterior convenio o pasado 24 de decembro. 

ESTE MÉRCORES, 300 RECLAMACIÓNS EN RIBADEO

Así, no tocante á atención primaria, a plataforma lembra que só se cubriron de forma estable baixas ou vacacións de especialistas de pediatría ou se reforzou persoal cando houbo mobilización veciñal -como en Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros ou no centro de saúde de Viveiro-.

Este mesmo mércores, recolleu 300 reclamacións no centro de saúde de Ribadeo polos problemas derivados pola falta de persoal no ambulatorio.

O Sergas só funciona a golpe de denuncia ou de presión social. É a única linguaxe que entenden. Por iso é importante esta convocatoria”, asegura Porteiro, que explica que a manifestación dirixirase á Praza do Concello, onde o médico do centro de saúde burelao Carlos Fernández Fraga lerá un manifesto.

APOIO DAS FORZAS POLÍTICAS E DA XUNTA DE PERSOAL

A Xunta de Persoal do Hospital Público da Mariña emitiu un comunicado no que apoiou a manifestación.

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, confirmou a través dun comunicado a súa presenza na proesta. O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, mostrou o seu apoio á manifestación. “Sobran razóns para saír unha vez máis á rúa na defensa dun ben común: a sanidade pública da Mariña, a de todas e todos”, asegurou.

O SERGAS ANUNCIA OBRAS NO EDIFICIO VELLO

Xusto un día antes da manifestación, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) anunciou a licitación dunha obra por 2,07 millóns de euros para a renovación das fachadas, carpintería exterior e envolventes térmicas no edificio vello do Hospital Público da Mariña.

As obras que se van a executar no centro hospitalario de Burela permitirán, segundo o Sergas, “incrementar a eficiencia enerxética do hospital, ao contemplar a eliminación de pontes térmicas renovando a fachada e substituíndo a súa carpintería exterior e vidros”.

Deste xeito, expón a Xunta de Galicia, “non só se mellorará a eficiencia enerxética, senón tamén o illamento térmico e acústico do hospital”. As actuacións contarán con fondos -un 80% do financiamento- procedentes do Programa Operativo FEDERGalicia.

“TENTATIVA DE ACALAR”

Desde a plataforma valoraron o investimento anunciado polo Sergas, pero interpretaron o momento da licitación como “unha forma de tentar acalar o malestar da poboación da Mariña polo deterioro da sanidade pública na bisbarra”, expón Porteiro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...