Llano e o PSOE perden a maioría absoluta en Burela, onde o BNG será decisivo

Os socialistas perden o concelleiro que suman os nacionalistas, mentres que o PP non consegue superar a barreira dos catro

O alcalde de Burela, Alfredo Llano. AXM

O PSdeG-PSOE de Alfredo Llano perdeu a maioría absoluta da que gozaba en Burela ao acadar seis edís, un menos que nos pasados comicios locais. Semella que o BNG, que obtivo tres concelleiros, será decisivo para formar goberno, ao igual que acontecera no primeiro mandato de Llano, entre 2007 e 2011.

Os socialistas non padeceron unha caída excesiva en votos, ao recibir 1.878 apoios (o 42,55% do total), 88 menos ca no 2015, pero os sufraxios non abondan para conseguir unha sétima acta e gobernar en solitario.

O PP, cuxa lista encabezou Manuel Rouco, perde máis electores ca os socialistas, 239 -de 1.349 a 1.110-, pero mantén a mesma representación, catro edís.

A VARIEDADE DA OFERTA, CON ATA SETE FORMACIÓNS, NON SEDUCIU E COLLEITARON EDÍS OS TRES PARTIDOS TRADICIONAIS

O BNG de Mario Pillado colleitou un resultado similar en canto a votos con respecto a 2015. Perde doce electores, de 825 a 813, pero gaña un edil que lle permitirá probablemente entrar o goberno. Os nacionalistas non deixaron de medrar en representación nos últimos comicios; contaban cun concelleiro en 2011, obtiveron dous en 2015 e agora suman tres.

CATRO PARTIDOS SEN REPRESENTACIÓN

Malia a variedade da oferta electoral en Burela, con sete partidos, as tres formacións tradicionais aglutinaron os trece concelleiros da corporación. Burela Sempre quitou 271 votos; Ciudadanos, 205; Compromiso por Galicia (CxG), 112 sufraxios; e Vox un total de 68.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here