A CIG denuncia falta de agullas ou gasas no centro de saúde de Foz

O sindicato critica que a subministración é escasa e o material se esgota, mentres que o Sergas di que as cantidades "son pactadas cos profesionais" e nega a lentitude do servizo

Extracción de sangue. AXM

A CIG Saúde denuncia a falta de material sanitario no centro de saúde de Foz. O sindicato asegura que o ambulatorio focego “leva 15 días sen agullas de extracción para analíticas de adultos, tendo que utilizar agullas pediátricas” ou que “desde hai dez días” os profesionais “non teñen papel de mans e para as padiolas onde atenden aos pacientes”. Así mesmo, critica “a escaseza de gasas ou material de papelería”.

A central nacionalista afirma que “a situación foi posta en coñecemento da dirección do Servizo Galego de Saúde (Sergas) en Lugo” e queixáse de que “a solución achegada fose un envío urxente que non chegará ata venres“.

O sindicato nacionalista expuxo que a situación se reitera porque a subministración recibida é escasa. Segundo din, o último encargo recibírono o pasado 16 de maio.

SERVIZO PRIVATIZADO

A CIG Saúde atribúe o desabastecemento á privatización do servizo, adxudicado á empresa Severiano Servicio Móvil, que obtivo o contrato por once anos. Destacan que mentres a loxística dependía directamente do Sergas, “nunca se produciu carencia ningunha nas subministracións”.

O sindicato dirixe as críticas contra o Partido Popular (PP), ao que acusa de “hipotecar o futuro da sanidade” con “contratos por un período de tempo moi longo e blindados contra posibles decisións de reverter os servizos ao ámbito público”.

A central lembra que tamén son xestionados por empresas privadas outros servizos como  o de ambulancias, telecomunicacións, mantemento de equipos sanitarios ou historia clínica e receita electrónica.

O SERGAS: “FOZ RECIBE O QUE PIDE”

Pola súa banda, a Xunta de Galicia sostén que o servizo “non está privatizado“, dado que, expón, “é o propio Sergas quen compra o material, sanitario e non sanitario, necesario para os seus centros de saúde e hospitais, e quen o subministra, a través da súa Plataforma Loxística“, para concluír que “nos últimos anos non houbo ningún cambio neste senso”.

Fontes do Sergas argumentan que cada centro de saúde “ten pactadas as cantidades que consume e que ten que facer fronte ás súas necesidades asistenciais”, e que o ambulatorio de Foz “recibe o mesmo material que outros centros, segundo as súas demandas”, que, insiste, “son pactadas cos profesionais“.

No tocante á lentitude nas entregas, as mesmas fontes afirman que “calquera necesidade extraordinaria ou urxente solicitada dende o propio centro é subministrada fóra dos prazos habituais de entrega“. Así, aseguran que “o Sergas tipifica e controla as incidencias na prestación do servizo, e non é certo que se tarde máis en atender as peticións”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here