A pensión media nos concellos da Mariña Lucense é de 894,58 euros brutos, 35 menos que a media galega, que se sitúa en 930,58 euros, segundo os datos do informe sobre pensións da Seguridade Social publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE), con cifras referidas ao rexime contributivo.
MEDIA POR CONCELLO
As prestacións máis altas cóbranse en Cervo (1.213,44), o terceiro concello coas pagas máis elevadas de Galicia. Só o superan As Pontes (1.400,52) e Fene (1.256,86).
Burela (1.089,83), Xove (1.073,91), Foz (1.006,79) e Viveiro (990,75) tamén contan con pensións por riba da media galega.
Cervo é o concello coas terceiras pensións máis altas de Galicia, por detrás de as pontes e fene
A continuación sitúanse Ribadeo (928,38), O Vicedo (870,98), Barreiros (862,37), O Valadouro (826,66) e Mondoñedo (819,60.)
O importe medio sitúase por baixo dos 800 euros no resto dos municipios da comarca: Alfoz (791,37), A Pontenova (791,03), Lourenzá (773,06), Riotorto (766,15), Ourol (760,67) e Trabada (753,68).
FENDA DE XÉNERO
O emprego industrial, e nomeadamente o xenerado por Alcoa, eleva a media nos concellos do seu radio de acción que, pola mesma razón, son os que presentan unha fenda de xénero máis notable.
Mentras os cervenses teñen unha pensión media de 1.503,30 euros, elas quedan nos 842,56 euros, un 44 % menos. A diferenza sitúase arredor do 40% tamén en Burela (1.340,15 fronte a 790,16 euros), Xove (1.373,50 fronte a 757,59), Foz (1.219,42 fronte a 784,04) e Viveiro (1.202,61 fronte a 752,36).
NOS CONCELLOS CUN MAIOR PESO DAS PENSIÓNS DERIVADAS DAS COTIZACIÓNS AGRARIAS, A FENDA REDÚCESE
Pola contra, nos concellos cun maior peso das pensións derivadas das cotizacións agrarias, a fenda redúcese. En Trabada, os homes cobran 800,08 euros de media e as mulleres, 720,10, un 10% menos. A diverxencia mínima dase en Riotorto, onde os homes reciben unha pensión media de 783,84 euros e as mulleres de 750,27, un 4 % menos.
DIFERENZA INTERXENERACIONAL
As persoas maiores de 85 anos son as que cobran as pensións máis baixas. En ningún dos concellos mariñaos superan a media comarcal (894,92). Só en Cervo (814,35), Ribadeo (814,28) e Foz (813,90) reciben máis de 800 euros brutos ao mes.
O PESO DOS PENSIONISTAS NA ECONOMÍA
O informe do IGE tamén dá conta do número de pensionistas por concello, o que permite avaliar a dependencia das prestacións das economías locais.
Ourol (44%), Riotorto (43%), Alfoz (41%), O Vicedo (40%), Trabada (39%) e A Pontenova (39%) son os municipios con maior porcentaxe de pensionistas.
No lado contrario sitúase Burela, onde o 21% da poboación recibe unha prestación contributiva.