Fomento autoriza 473.000 euros para arranxar a ponte de Mañente e outras tres pasarelas sobre a N-642

O Goberno central aproba o gasto nunha actuación no paso inutilizado desde agosto tralos danos ocasionados por un camión, e noutros tres situados sobre a estrada que vertebra A Mariña

Ponte sobre a N-642 en Mañente. GOOGLE MAPS

O Goberno central autorizou un orzamento de 473.000 euros para o arranxo de catro pontes existentes no municipio de Foz sobre a N-642, entre elas a de Mañente, que quedou fóra de servizo desde o mes de agosto polos danos causados por un camión.

A subdelegada do Executivo estatal, Isabel Rodríguez, e o alcalde de Foz, Francisco Cajoto, mantiveron unha xuntanza, a petición do rexedor, para tratar sobre temas relativos as comunicacións por estrada deste municipio.

Segundo expuxo Rodríguez, o Ministerio de Fomento ten aprobada unha actuación para a realización das obras de arranxo desa ponte e outras tres no mesmo municipio. A decisión de ampliar os traballos tomouse, expón o Executivo, despois de realizar unha inspección e estudos topográficos.

A actuación prevista afecta aos pasos superiores existentes na N-642 nos puntos kilométricos 29,700, 32,300, 33,00 e 33,900. Todos eles presentan algún tipo de desperfecto, polo que se considerou necesario ampliar a actuación prevista. Segundo fontes do Executivo central, polo de agora non hai data de inicio das obras.

AUTOVÍA DA MARIÑA

Tamén trataron a subdelegada e o alcalde de Foz das alegacións presentadas polo Concello ao treito Foz-Barreiros da futura Autovía da Mariña (A-74). Sobre este asunto, Rodríguez e Cajoto acordaron manter unha nova xuntanza, na que tamén tomarán parte responsables de Fomento, na que falarán sobre o trazado da futura autovía ao seu paso por este concello mariñao.

O Concello require un enlace do Carme completo, con saída en sentido Viveiro-Burela cuestión que non se incluíu no proxecto, que superou recentemente o trámite de información pública. Cun orzamento de licitación estimado das obras de 241 millóns, a actuación abrangue 11,1 quilómetros, no que se deseñaron tres enlaces: o de Foz, que dá acceso ao núcleo urbán; o do Carme, que conecta coa LU-152, e o de Espiñeira, que permite enlazar coa A-8.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here