A Xunta nega estudar a supresión do paritorio da Mariña, que xestiona “400 partos ao ano” polos “60” de Verín

A plataforma teme polo servizo tralo recorte na comarca verinesa e acusa ao Sergas de "irresponsable" por presumir do aumento de persoal nun contexto "de merma de recursos"

Hospital Público da Mariña. AXM

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña e o Servizo Galego de Saúde (Sergas) polemizaron este venres pola situación da atención sanitaria da bisbarra. O colectivo alertou da posibilidade, despois de que a Xunta de Galicia suprimise o paritorio do hospital de Verín, de que “este experimento” se espalle ao Hospital da Costa, “obrigando de novo ás mulleres a parir na Xesta“. A Consellería de Sanidade nega estudar a supresión do servizo, que atende “400 partos ano ano polos 60 anuais” da comarca verinesa.

No tocante á supresión do servizo de paritorio en Verín -as mulleres da comarca darán a luz na capital provincial, en Ourense, a 70 quilómetros da vila-, a plataforma asegura que esta situación, “repentina e inesperada, podería afectar en breve á nosa comarca, obrigando ás nosas mulleres a desprazarse a Lugo, máis de cen quilómetros, para parir”.

“Cremos que se trata dun experimento que posteriormente se iría estendendo aos outros centros hospitalarios periféricos, un paso máis no desmantelamento da sanidade de proximidade e un retroceso de trinta anos ao obrigar ás mulleres a parir de novo na Xesta ou no Fiouco se non hai néboa”, argumenta o colectivo.

A XUNTA ACUSA Á PLATAFORMA DE “ALARMAR”

Pola súa banda, fontes do Sergas descartan esta posibilidade. A Xunta tirou do número de partos para xustificar a supresión do paritorio de Verín, que segundo a Consellería pasou “de 147 a 60 no prazo dunha década”, e argumenta tamén en base ás cifras que “non se plantexa” o recorte do servizo na Mariña, onde se atenden “arredor de 400 nacementos anuais”.

O Sergas asegura que a plataforma “xera malestar e alarma entre a poboación” con “fins políticos”.

FOLGA EN ATENCIÓN PRIMARIA

A plataforma rebatiu este venres os datos ofrecidos polo Sergas no diario El Progreso acerca do “aumento do persoal de enfermería e facultativo na provincia de Lugo”, nun contexto de folga dos profesionais de medicina e pediatría en atención primaria pola sobrecarga de traballo, con paros -os pasados días 27 e 28- en Viveiro, entre outras localidades de Galicia.

Concentración en Viveiro no segundo día de folga, o 28. AXM

Como resposta, a Consellería de Sanidade destacaba a creación de dúas prazas de facultativo de tarde en Burela e Viveiro.

A plataforma cualifica de “irresponsable e alonxada da realidade” a versión ofrecida polo xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Lugo-Cervo-Monforte, Ramón Ares, que a xuízo do colectivo “vive nun mundo paralelo ao da veciñaza, que día a día sofre a merma de servizos sanitarios por mor da insuficiente dotación de persoal, sumado ao déficit nas substitucións en vacacións, permisos ou baixas médicas”, afirma.

“Seguimos a padecer una deficiencia cuantificable no número de pediatras de familia nos nosos centros de saúde, agravados polo feito de que as ausencias xustificadas das mesmas non son substituídas ou substitúense de forma parcial, creando problemas de atrasos en exames de saúde e de atención a demanda por patoloxías que xurden, urxentes ou non. Estes mesmos problemas están a verse no persoal sanitario de familia, de xeito que hai serios problemas de atrasos en consultas na atención primaria“, lamenta a plataforma.

“FUXIDA EN DESBANDADA” DAS ENFERMEIRAS POLA “PRECARIEDADE”

A plataforma cualifica de “caótica” a situación no Hospital Público da Mariña, no que “hai unha fuxida en desbandada do persoal de enfermería cara a outros hospitais, a poucos quilómetros de aquí, e cara a Euskadi en busca de estabilidade“. Deste xeito, o colectivo resalta que “os chamados contratos de continuidade afondan na precariedade e avogan á escravitude ás profesionais“, unha situación que puxo enriba da mesa o colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita. Tamén critica a temporalidade das contratacións do novo persoal trala ampliación do centro hospitalario mariñao.

Ademais, advirte de que “en poucos días teremos un problema de gran magnitude ao non contar con persoal para substituír as vacacións e os permisos“, polo que non descarta “movementos de protesta”.

Neste sentido, o Sergas insiste en que substitúe aos profesionais “sempre que se pode” ante “a escaseza de médicos nas listas de contratación”.

RECORTE NA AMBULANCIA MEDICALIZADA

Outra das decisións adoptadas pola Consellería de Sanidade, neste caso o 061, criticadas pola plataforma é a supresión do segundo Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES) na ambulancia medicalizada, que está a supoñer, alerta, “que debe mobilizarse na maior parte dos casos unha segunda ambulancia de soporte vital básico para reforzar, ao non haber o persoal suficiente.  Se o que querían era aforrar están a conseguir o efecto contrario e a maiores están a causar ao persoal do devandito servizo ao menoscabar a súa máis que demostrada profesionalidade”, conclúe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here