A Xunta suspenderá este martes polo temporal as actividades no exterior dos centros educativos

Desde a madrugada, agárdanse refachos de máis de 100 km/h e ondas de ata seis metros

Faro do Cargadeiro na ría de Ribadeo. EFE/ELISEO TRIGO

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta de Galicia activará desde esta noite unha alerta laranxa por temporal costeiro que afectará a todo o litoral galego, tamén A Mariña Lucense, e a partir desta madrugada por vento en terra nas provincias da Coruña e Lugo. A advertencia de segundo grao de perigosidade manterase pois durante o martes, coa suspensión das actividades no exterior dos centros educativos.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), espéranse ventos do suroeste que poden acadar os 100 quilómetros por hora e que afectarán a partir desta madrugada á Mariña Lucense, e desde a tarde de mañá tamén ao noroeste, o oeste e o suroeste da provincia da Coruña.

Aemet tamén alerta, segundo indica a Xunta, dun fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa en todo o litoral da comunidade, que comezará esta noite no noroeste e o oeste da provincia da Coruña e irá estendéndose dende a madrugada á costa de Lugo e Pontevedra. Agardase mar combinada do sur de ata seis metros segundo a zona chegando aos sete metros no noroeste e no sureste da Coruña, ademais de ventos do sur ou do suroeste que poden acadar forza oito.

A Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender o martes as actividades no exterior dos centros educativos radicados nas zonas decretadas con alerta laranxa por refachos de vento superiores a 100 quilómetros por hora. Segundo o establecido por MeteoGalicia, este fenómeno adverso afectará ás zonas de predición meteorolóxica do noroeste da Coruña e na Mariña de Lugo.

A listaxe de concellos incluídos en cada zona climática pode consultarse na páxina web de Meteogalicia.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here