Xantar na Casa arrinca en Foz con dez usuarios e Burela celebrará o día 30 o seu primeiro pleno telemático

En Viveiro, o Concello pospón a matrícula da gardería municipal, o BNG pide elementos de hixiene nos caixeiros e o CCHV traballa nunha plataforma de venta online

Xantar na casa. AXM

O Xornal da Mariña repasa as medidas adoptadas polas Administracións e colectivos fronte á pandemia do coronavirus, así como as propostas de partidos e colectivos.

BURELA

O CONCELLO ESTUDA AXUDAS DIRECTAS AO COMERCIO

O alcalde, Alfredo Llano, adiantou que “podería condonarse ou fraccionarse o pago dalgunha taxa ou imposto” tras manter unha reunión con representantes de Acia Burela. Tamén aludiu á posible compra dunha máquina desinfectadora de ozono.

Llano explicou que “en principio quedamos en destinar unha partida específica para axuda directa ao pequeno comercio e aos autónomos de Burela. Imos ver que contía vai ter porque se van negociar esta semana co Goberno central, tanto a Femp como a Fegamp, os termos en que podemos incorporar os remanentes ou a liquidación positiva do ano pasado e como podemos enfocar o gasto. Porque pode haber directamente para o tema comercial e industrial; para atender cuestións sanitarias como o material que se precisa, tanto máscaras como líquido desinfectante ou calquera outro; e por outro lado para as emerxencias sociais. Hai que buscar a maneira de destinar unhas partidas específicas para todos estes temas e concretamente para o comercio”, indicou.

FRACCIONAMENTO DO IBI

O rexedor burelao manifestou que “falamos tamén das posibilidades que ten o Concello con respecto a condonar ou fraccionar o pago de taxas e impostos. Estámolo mirando tamén por un lado coa Deputación porque moitos dos impostos municipais cóbranse desde o organismo provincial; e tamén cos técnicos do Concello para arbitrar medidas e fórmulas que sexan beneficiosas para as partes. Podemos fraccionar algún imposto e algunha taxa e o que se poida farase. Vamos procurar que o IBI, por exemplo, se fraccione en tres pagos en vez de en dous e retrasar un pouco o primeiro cobro”, expuxo.

Llano concluíu que “ademais imos mirar xa mañá se é posible comprar unha máquina desinfectadora de ozono para que rote por todos os negocios que pidan desinfectar os seus locais”.

PLENO TELEMÁTICO O DÍA 30

O vindeiro 30 de abril terá lugar o primeiro pleno telemático da historia de Burela. O pasado mércores tiveron lugar as probas preparatorias. Na orde do día figuran asuntos como o Plan Único, o inventario municipal ou a adxudicación do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria. A sesión dará comezo ás 20.00 horas.

OS USUARIOS DOS CENTROS DE DÍA TERÁN PRIORIDADE NO AUMENTO DE HORAS DO SAF

O Concello de Burela activa o Servizo Temporal e Extraordinario de Axuda no Fogar (SAF) para a atención temporal e urxente daquelas persoas que o precisen durante o mantemento da situación actual de emerxencia sanitaria e de estado de alarma motivada polo Covid-19.

A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, explicou que “debido á actual concesión da Xunta de Galicia dun incremento de horas de atención a dependentes, permitirase un aumento de usuarios de maneira temporal. Así, o Concello poderá atender ás persoas que se viran afectadas pola situación do estado de alarma e emerxencia sanitaria (afectadas, por exemplo, no sentido de que lles pecharon o centro de día, ou que a coidadora habitual está enferma)”.

López engadiu que “a Xunta de Galicia concedeu un incremento de 1.805 horas extraordinarias de atención con motivo da crise sanitaria do coronavirus. Con este incremento, o Concello pode atender aos usuarios dos centros de día, agora pechado, e atender tamén algunha urxencia derivada da situación actual”, expuxo.

A edil burelesa dixo que “comezamos a poñernos en contacto coas familias dos usuarios dos Centros de Día para ir propoñendo horas e axuda ás familias. Estimamos que, como mínimo, 15 familias precisan desta axuda”.

O PP DE BURELA PROPÓN MEDIDAS PARA PALIAR O EFECTO DO COVID-19 A NIVEL SOCIAL

O Partido Popular (PP) de Burela considera que ante a pandemia “o alcalde e o seu goberno deben actuar en tres frontes, o sanitario, o social e o económico”.

Para os populares, “deberíase proceder á desinfección periódica, en función de criterios sanitarios, de espazos públicos susceptibles de presenza de persoas, tales como os espazos inmediatos e próximos a tendas de alimentación e establecementos sanitarios de todo tipo”.

O voceiro dos conservadores, Manuel Rouco, considera que outro aspecto a ter en conta é a celebración do mercado dos venres, ante a falla de regulamento. “Aínda que é probable que non compareza ningún vendedor, non estaría de máis que dende a alcaldía e o goberno municipal se adoptasen medidas ao respecto”, apunta.

No aspecto social, indica o popular, “consideramos imprescindible que o Concello teña un censo exhaustivo das persoas usuarias do SAF que precisen de axuda para retirar produtos farmacéuticos, para que persoal municipal ou do Servizo de Axuda no Fogar lles leven os fármacos aos seus domicilios”, destaca.

“Neste primeiro paquete de medidas, non estaría de máis exonerar do pago da taxa de recollida do lixo e da auga, así como a redución do imposto de terrazas, ou se é posible a súa supresión, durante o período de duración deste estado extraordinario, a todos aqueles autónomos e empresarios que se vexan afectados por esta crise”, conclúe Rouco.

CERVO

RELATO COLECTIVO POLO DÍA DO LIBRO

En conmemoración do Día do Libro, que se celebra este xoves, o Concello de Cervo leva a cabo a actividade Relato na Rede, que consiste en crear unha historia colaborativa a través da rede social Facebook.

Durante o día de mañá, a través do Facebook Concello de Cervo // Ayuntamiento de Cervo crearase un relato interactivo que se irá xerando grazas ás aportacións de todos/as os/as participantes que se inscriban ata mañá ás 12.00 horas no correo cervocultura@gmail.com.

FOZ

COMEZA A FUNCIONAR O SERVIZO XANTAR NA CASA

O pasado mércores comezou a funcionar en Foz o servizo de comida a domicilio Xantar na Casa, froito dun convenio coa Xunta de Galicia e do que se benefician dez veciños.

O alcalde, Fran Cajoto, e a concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, explican que o obxectivo do servizo de comida a domicilio para persoas maiores ou dependentes, “é mellorar o nivel de benestar e a calidade de vida desas persoas beneficiarias e das súas familias, mantendo no seu entorno do fogar á persoa demandante do servizo e evitando ou retardando a institucionalización desas persoas. Dende o Concello de Foz avogamos porque cada persoa poida decidir e se quere vivir na súa casa poder darlle este tipo de servizos”, remarcan.

“A alimentación é de calidade, nutritiva e atendendo os casos de xeito personalizado e individualizado, o quere dicir que para unha persoa que ten hipertensión a dieta vai ser hiposódica e se ten colesterol será hipocalórica, baixa en graxas, etcétera. É comida tradicional pero ao mesmo tempo adaptada á liña en frío, que se chama así porque é cociñada e despois báixase a temperatura rapidamente para que non proliferen as bacterias. Sérvese en bandexas seladas, sen conxelar nin pasteurizar. É comida tradicional cocida e asada, pero non se frite. Todo tipo de comida tradicional que se coloca en bandexas e as condicións hixiénico sanitarias están garantidas”, remarcan.

1,67 EUROS POR MENÚ

En canto ás persoas beneficiarias explican que “poden optar a este servizo persoas maiores de 60 anos que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal e sen rede de apoio que poida suplir tal situación, o quere dicir que non vivan con ninguén que poida cociñarlles. En canto aos custes, o Concello achega unha parte, a Administración autonómica outra e os usuarios abonan 1,67 euros, cantidade que é asumible”, zanxa o goberno municipal.

O PP PIDE USAR O REMANENTE PARA AXUDAS ÁS EMPRESAS

O PP de Foz demanda ao Concello “medidas económicas reais” de “rebaixa de taxas e impostos a empresas e autónomos afectados polo cerre”, e propón “que se use parte do remanente que deixou o anterior goberno de máis de catro millóns de euros e depositados nas contas bancarias do Concello para axudas directas ao sector produtivo focense para que activen a economía local e axuden a conservar o emprego”.

“A día de hoxe non se tomou unha soa decisión para paliar os efectos da crise no noso comercio, na hostalería nin nas pequenas empresas familiares que levan paradas mes e medio e teñen un futuro por diante moi complexo. Ségueselles cobrando os mesmos impostos e taxas que antes do estado de alarma, sen apenas utilizalos, como son os servizos de recollida do lixo, auga ou mesmo a ocupación de vías públicas, que propoñemos sexan condonados aos afectados durante os meses de peche”, expón o grupo municipal conservador.

RIBADEO

DOAZÓN DOS VETERANOS DO EQUIPO DE FÚTBOL A ACISA

Acisa agradece a inestimable colaboración da Asociación de Veteranos do Ribadeo FC, que ven de doarlle 1.000 máscaras hixiénicas e 1.200 euros para campañas de fomento do consumo local. O colectivo empresarial adquirirá máis material para repartir entre os seus asociados e asociadas.

NOVO CURSO DE APAGA

Apaga que organiza un novo curso a través da súa plataforma de formación on line. Versará sobre vehículos eléctricos e terá unha duración de 100 horas. Na actualidade hai 20 persoas anotadas. A inscrición péchase a finais deste mes de abril. Os interesados deben enviar un correo á dirección apagaribadeo@gmail.com.

VIVEIRO

POSPONSE O PRAZO DE MATRÍCULA PARA A GARDERÍA

O Concello de Viveiro viuse na obriga de pechar o pasado mes de marzo a gardería municipal, dentro das medidas excepcionais e de prevención adoptadas con motivo da declaración da situación de emerxencia sanitaria e do estado de alarma.

Como consecuencia da suspensión da actividade, no Concello déronse as indicacións oportunas a cada un dos departamentos municipais para que no momento da elaboración dos padróns, tanto deste como doutros servizos que implican o cobro de taxas, se teña en conta esta suspensión aos efectos de liquidar nas mensualidades afectadas unicamente os importes non afectados pola suspensión, quedando, polo tanto, o cobro das taxas paralizado dende o peche da mesma.

Tendo en conta esta situación e as restricións derivadas do estado de alarma, o Concello de Viveiro acordou pospoñer o prazo de matrícula da gardería municipal que, habitualmente, adoitaba realizarse no mes de abril.

Neste sentido, o prazo inicialmente establecido para realizar a matrícula neste servizo municipal será do 20 de maio ao 20 de xuño de 2020, advertindo, en todo caso,  de que no suposto de producirse unha prórroga do estado de alarma, este prazo para a matrícula sería tamén prorrogado polo tempo necesario.

CCHV COMPRA MATERIAL DE PROTECCIÓN

A directiva da Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro está xestionando a compra de material de protección para establecementos e clientes. Esta semana chegarán as primeiras 800 unidades de máscaras, ás que se prevé se unan pedidos posteriores para dar cobertura a tódolos negocios asociados.

Tamén se está a xestionar a compra de dispensadores de xel hidroalcohólico para colocar nas entradas de tódolos locais. Así mesmo, contactouse con empresas da zona para ter de man a fabricación de mamparas protectoras e máscaras de protección. O obxetivo é estar preparados para cando se poida volver abrir facelo con tódalas garantías sanitarias requeridas facendo do comercio da vila un “Comercio Seguro”.

O segundo punto no que traballan é na posta en marcha dunha plataforma para a venda on line. Aglutinará negocios de tódolos sectores que poderán dar saía ós seus productos de xeito dixital, axudando así ás ventas que se fagan na tenda física.

Dende a directiva do CCHV valoran a reunión mantida co Concello de Viveiro o pasado venres mediante videoconferencia.

Caixeiro con medidas de protección. AXM

O BNG PIDE MEDIDAS DE HIXIENE NOS CAIXEIROS

O BNG de Viveiro considera que nas redes de caixeiros automáticos, “superficies potencialmente contaminadas e polo tanto de alto risco de contaxio e propagación do virus, ao seren espazos estes moi concurridos ao longo  das 24 horas, non se están a extremar as medidas de protección suficientes para minimizar o risco de contaxio das súas usuarias e usuarios”.

Así, solicitan “un maior esforzo, a través da posta en marcha dun protocolo de prevención de contaxio nos caixeiros automáticos, extremando as medidas de hixiene e limpeza e adoptando medidas de protección para previr a propagación do virus entre a clientela, a través da instalación, por exemplo, de dispensadores de xel antibacterial, luvas ou papel”.

A MARIÑA

A DEPUTACIÓN VALORA AXUDAS PARA O SECTOR DO LIBRO

A área de Cultura perfila medidas para paliar o impacto da crise da Covid-19 nas librarías e no sector editorial. Nos últimos días desde a área pulsouse a situación do sector a través de representantes da Federación de Librarías de Galicia da Asociación de libreiros de Lugo e ofreceuse a colaboración da institución de cara a minimizar a incidencia da emerxencia sanitaria nos establecementos, que tiveron que pechar as portas tras a declaración do estado de alarma.

A vicepresidenta, Maite Ferreiro, adiantou a vontade de crear unha liña de axudas para contribuír a reactivar o sector.

“Traballamos para sacar adiante medidas concretas que axuden as librarías a sobrelevar as consecuencias desta crise. Na medida das nosas posibilidades, contribuiremos a que cando se relaxe o confinamento e se recupere certa normalidade as librarías continúen coa súa actividade, que vai máis aló das vendas de libros, porque son auténticos focos de cultura e sustentan un sector que involucra moitos outros colectivos, escritoras, ilustradores ou tradutoras”, sinalou.

A vicepresidenta tamén explicou que a área de Cultura traballa na adaptación das convocatorias e programas anuais ás novas circunstancias. O obxectivo, precisou, é “seguir achegando recursos que dean osíxeno aos profesionais da cultura e tamén ás asociacións de base”.

O PP AFIRMA QUE O ADIANTO DO PLAN ÚNICO NON SERVIRÁ PARA AXUDAS A EMPRESAS

O PP provincial afirma que as condicións do Plan Único non permiten aos concellos usalo para conceder axudas ás empresas e ao resto do tecido produtivo. O voceiro conservador na corporación provincial, Javier Castiñeira, di que o goberno provincial crea intencionadamente confusión coa “propaganda”, e “son moitos os empresarios e autónomos que preguntan aos deputados provinciais”. 

Castiñeira. AXM

Os populares reclaman a José Tomé “medidas de apoio aos sectores económicos que se nutra con parte dos 60 millóns de euros en remanentes que ten a Deputación”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here