Foz elimina taxas por servizos non prestados e Burela recibe unha doazón da Asociación Islámica

Mondoñedo é Poesía celebrarase o 1 de maio virtualmente, con 24 participantes

Doazón da Asociación Cultural Islámica. AXM

O Xornal da Mariña repasa as medidas adoptadas polas Administracións, así como as propostas de asociacións e oposición, nesta situación de estado de alarma por mor do coronavirus.

ALFOZ

VIA PIDE MÁSCARAS “PARA A POBOACIÓN EN XERAL”

Desde Via Alfoz consideran que “non se debera facer política co reparto de máscaras”. O partido independente reproba o “afán propagandístico” que existe desde as diferentes administracións, e indican que “sería despreciable que se pensase mais nos réditos políticos que na saúde das persoas”. Nese sentido, tende a man a apoiar e colaborar con calquera iniciativa “veña de onde veña”.

Respecto ao reparto de máscaras que se realizará en Alfoz entre empresas e autónomos, os independentes consideran que a medida “se debera estender a toda a poboación en xeral, polo que esperan que se volvan a convocar sesións plenarias nas que poder levar a iniciativa”.

Desde a dirección executiva de Via consideran que “algúns colectivos e industrias xa recibiron máscaras por outros medios, mentres que o resto da poboación apenas ten acceso a elas pola falta de subministro nas farmacias”. Co reparto de máscaras a toda a poboación tamén queren evitar que “se caia na tentación de repartilas de xeito discrecional”.

Desde Via Alfoz agradecen, por outra parte, o honorable traballo, “na sombra e sen propaganda”, de varios voluntarios alfocegos que levan a cabo varias iniciativas solidarias fabricando máscaras e pantallas para diferentes colectivos.

BURELA

A ASOCIACIÓN CULTURAL ISLÁMICA DOA ALIMENTOS

A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, agradece a doazón de alimentos realizada pola Asociación Cultural Islámica de Burela ao Concello. A maioría da mercancía irá destinada a familias con bebés e menores de tres anos que se atopan en situación de vulnerabilidade.

“O responsable da Asociación Cultural Islámica de Burela, Omar Choraifi, interesouse para poñerse en contacto con nós e poder así facer unha doazón daquelo que precisaramos”, expuxo a edil. Deste xeito, o goberno local recibiu “unha doazón moi importante de alimentos e produtos para os máis pequenos, entre os que se atopan fariña, arroz, pasta, galletas, pañais, potitos, toalliñas para bebés, leite de continuidade, aceite ou legumes”.

A concelleira de Servizos Sociais indicou que “esta mercancía irá destinada a familias en situación de risco que teñen bebés e menores de tres anos. Nestes momentos estamos atendendo 15 casos (cinco bebés e dez nenos de dous anos) aos que estamos axudando para que non lles falte de nada”, concretou.

CAMPAÑA DO COMERCIO LOCAL BURELAO

O Centro Comercial Aberto de Burela lanza este luns a campaña Xogando Xuntos coa que quere dinamizar o comercio local desde as redes sociais e preparar a volta á normalidade tras o desconfinamento.

A dinámica de Xogando Xuntos é “moi sinxela: os luns nas redes sociais de CCA Burela (Facebook e Instagram) proporán un xogo para as persoas que queiran participar. Hasta ese día non se vai saber cal é esa proposta, así que avisan que teñen que estar preparados para facela.

Esta primeira, e coincidindo que o vindeiro domingo é o Día da Nai, será unha participación de poesía, de debuxo ou de fotografía que se pode facer chegar a través do correo electrónico: aciaburela@gmail.com, unha mensaxe directa a través de Facebook ou Instagram ou subíndoas ás redes propias có hastag #XogandoXuntosBurela.

O sábado sortearase entre os participantes un produto de calidade de Burela. Nesta ocasión será unha peza de xoiería valorada en 150 euros que se fará chegar á casa do premiado ou esperarase ao fin desta situación, como prefira o gañador.

Desde a asociación de comerciantes queren agradecer a paciencia dos clientes, porque gracias e eles, e despois da corentena, “seguiremos Medrando Xuntos“, remarca o colectivo.

DOAZÓN DE MÓBILES AO CENTRO SAN ANÍBAL

A plataforma sen ánimo de lucro ConectamosVidas doou ao centro de menores San Aníbal oito equipos móbiles con liña de voz e datos e o seu uso gratuíto, gracias á colaboración das empresas LG España, que dona dispositivos móbiles smarthphone para poeder realizar videochamadas, a compañía Orange, que doa as tarxetas con voz e datos.

A Plataforma conectamosvidas é unha iniciativa do empresario Ignacio Ibáñez, da empresa Redradix, que aunou a colaboración destas empresas para conseguir que tanto as persoas que se atopen en hospitais ou centros residenciais poidan ter máis fácil a comunicación cos seus seres queridos.

Os centro de menores destinan estes teléfonos para que os menores residentes podan facer videochamadas de forma sinxela coas súas familias e tamén se distribuirán a nenos e nenas do centro de día para que podan continuar desde a súa casa coas tarefas escolares xa que non contan con Internet nin con equipos informáticos. A Dirección do centro agradece esta colaboración.

Doazón ao centro San Aníbal. AXM

CERVO

O CONCELLO DISPÓN NOVAS ACTIVIDADES ONLINE PARA AXUDAR A LEVAR O CONFINAMENTO

Disfraces relacionados co cinema ou co circo, actividades de reciclaxe ou a elaboración de circuítos de obstáculos son algunhas das temáticas dos concursos online organizados polo Concello de Cervo para a vindeira semana. Na imaxe debaixo destas liñas podes coñecer como participar.

O Concello de Cervo agradece ás Administracións públicas, ás persoas voluntarias e ás entidades privadas a doazón de todo tipo de material de protección fronte ao coronavirus.

En concreto desde o inicio da crise sanitaria, a Xunta de Galicia fixo chegar 4.800 luvas, 4.368 máscaras, ademais de traxes buzo, batas, pantallas de protección ocular e xeles hidroalcohólicos; que foron distribuídos entre o persoal de Servizos Sociais do Concello, o servizo de emerxencias municipal, o Centro de Día Residencia e a unidade residencial da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, ubicada na zona da Bidueira, en Cervo. As entregas de material teñen lugar cada semana desde o pasado 24 de marzo
Pola súa banda, a Deputación provincial achegou unha primeira remesa de material que contén 1.300 máscaras que serán distribuídas, en función das necesidades, entre as auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar.

FOZ

O CONCELLO ADOPTA MEDIDAS FISCAIS PARA ALIVIAR A CRISE

O Concello de Foz dispón unha batería de medidas fiscais para paliar os efectos da crise económica ocasionada polo Covid-19 desde o vindeiro luns, día 27. O alcalde, Fran Cajoto, e a edil Inés López Couto explican as medidas fiscais e económicas que o goberno local vai aplicar desde o luns e que “supoñen unha importante redución de ingresos nas arcas do Concello. Creemos que é o momento de que as administracións fagan un esforzo importante e reducir gastos habituais que neste momento deben pasar a un segundo plano”, remarcan.

En primeiro lugar, “elimínase o cobro das seguintes taxas no período entre o 13 de marzo e o día que se produza o levantamento do Estado de Alarma: Escolas Deportivas Municipais, mercado dos martes, ocupación de vía pública por obras e andamios, Escola de Música e Servizo de Axuda no Fogar para os usuarios que lles foi suspendido”. Así mesmo, tampouco se cobrarán “as taxas por terrazas aos locais de hostalería durante o Período de Alarma”, concretan.

“Elimínase a taxa por recollida de lixo a aqueles establecementos que tiveran que pechar as súas portas por estar a súa actividade suspendida durante o Estado de Alarma”, prosegue o Concello, que tamén solicitou “á Deputación de Lugo o retraso no cobro dos padróns tributarios que ten asignados (imposto de vehículos de Tracción Mecánica, IBI, IAE…) aos últimos meses do ano, cando entendemos que estará superada a fase máis aguda da crise”.

O executivo municipal tamén pediu ás administracións “o fraccionamento de oficio de xeito xenérico dos impostos. Ao respecto, cómpre recordarlle a todas as veciñas e veciños que está á súa disposición o fraccionamento ou aprazamento dos tributos recadados pola Deputación de Lugo baixo solicitude previa”, remarca.

RECOLLIDA DO LIXO

A aplicación da eliminación de taxas será de oficio salvo a de recollida de lixo, “que se poderá solicitar a partir deste luns por sede electrónica e a través dun modelo xenérico conformado polos servizos técnicos do Concello de Foz”.

RIBADEO

CAMPAÑA DE ACISA POLO DÍA DA NAI

Acisa repartirá dúas mil postais e cincocentas chapas para celebrar o Día da Nai. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo subliña que “se trata dunha campaña modesta, pero non queremos pasar a oportunidade de felicitar ás mamás nesta época tan complicada que nos toca vivir. A situación é difícil, pero hai que tentar darlle normalidade a todo isto na medida das nosas posibilidades”.

Desde Acisa explican que “esta campaña é un xesto que queremos ter coas nais de Ribadeo, pero tamén cos propietarios e traballadores deses locais que están abertos para que a nosa vida siga a ser o máis normal posible, dentro desta crise sanitaria ocasionada polo Covid-19 que estamos a vivir”.

As postais e as chapas poderán atoparse nos establecementos asociados esenciais que están abertos os días 2 e 3 de maio: Panadería Torviso, Gasolineira El Jardín, Os Irmandiños, Panaderías La Plaza, Bis a Bis, Pastelería La Candelaria, Grupo Valcarce, Panificadora del Eo, Beep Informática, Fauna, Morán e nas farmacias asociadas. “Hai locais que abren dos dous días e hainos que so abren o sábado”, engaden desde o colectivo empresarial ribadense.

MONDOÑEDO

‘MONDOÑEDO É POESÍA’ CELEBRARASE VIRTUALMENTE

A sétima edición do recital poético-musical Mondoñedo é poesía vai ser, ten que ser por forza, virtual. Será como sempre foi, o 1 de maio, Día das Quendas. Estará dedicada a Luz Pozo Garza, recentemente falecida.

Neste edición intervirán 24 creadoras e creadores, poetas e músicos como Iolanda Aldrei, Chus Amieiro, Caxigueiro, Marta Dacosta, Alicia Fernández, Miriam Ferradáns, Antonio García Teijeiro, Montserrat González, Mª Xosé Lamas, Martiño Maseda, Rebeca Maseda, Juan Carlos Mestre, César Morán, Carlos Negro, Olga Novo, Toño Núñez, Lois Pérez, Henrique Rabuñal, Manuel Rivas, Lorena Souto, Paloma Suanzes, Eva Veiga, Eduard Velasco e Ana Vila Portomeñe.

Acompañarán as lecturas dos poemas e interpretacións musicais, imaxes coa lembranza dos carteis e publicacións que ilustraron as seis edicións anteriores en agraecemento aos colaboradores gráficos Alicia Puchades, Caxigueiro, Nachok, Ernesto González Torterolo, Xosé Vizoso, Antón Caxoto e J. Pedro Gómez.

E tamén servirá de agradecemento ao profesorado e alumnado da escola Municipal de Música ‘O Pallarego’, ao do CEIP Álvaro Cunqueiro e ao do IES San Rosendo que sempre se volcaron no deseño e montaxe dos marabillosos ‘tendais de poesía’, a Luz Galocha, Mª Paz Rodríguez Silva e Francisco Piñeiro, á Asociación As San Lucas e aos máis de cen nomes de homes e mulleres que participaron nas sete edicións anteriores.

Mondoñedo é poesía poderá seguirse o venres 1, a partir das 16.00 horas, nesta ligazón.

VIVEIRO

A XUNTA ACUSA Á DEPUTACIÓN DE PARALIZAR AS OBRAS DE XUNQUEIRA

Augas de Galicia, entidade dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, afirmou nun comunicado que “xa conta co visto e prace do Concello de Viveiro ao texto do convenio proposto pero aínda agarda –desde o pasado 6 de marzo, data na que foi remitido por primeira vez-, pola contestación da Deputación de Lugo”.

As tres administracións citadas –Xunta, Concello e Deputación- comprometéronse a colaborar para facer realidade este proxecto e amosáronse dispostas a asumir, a partes iguais, o custo para financiar estas obras.

O convenio proposto faría posible, nunha primeira fase, que Augas de Galicia licite, adxudique e contrate o proxecto construtivo, cun investimento inicial estimado de 69.000 euros e, nunha segunda fase, as tres administracións asinarían un novo convenio para levar adiante sobre o terreo as obras previstas.

A Xunta quéixase de que “o bloqueo” da Deputación “impide avanzar neste obxectivo e a súa falta de resposta fai imposible que a Xunta acometa, nun prazo razoable de tempo, unhas obras moi necesarias tendo en conta que se desenvolven nunha área con risco significativo de inundación, nas inmediacións do río Fontecova, onde xa tiveron lugar os asolagamentos de novembro do ano 2018″.

ENTREGA DE MÁSCARAS AOS QUE DEBAN FACER XESTIÓNS NO CONSISTORIO

O Concello de Viveiro destinará as 4.000 máscaras entregadas no día de onte por parte da Deputación Provincial de Lugo tanto ao persoal municipal como a todos os veciños e veciñas que Viveiro que teñan que realizar xestións nas dependencias municipais, para que poidan acceder a estas instalacións con tranquilidade e seguridade.

A decisión tomouse tendo en conta que é necesario prepararse para o momento no que remate o confinamento actual e poidan reabrirse as instalación municipais, co obxectivo de que a súa reapertura poida realizarse con todas as garantías de seguridade e protección.

O Concello cifra en 7.000 as máscaras feitas polo voluntariado e repartidas nas residencias de maiores, no centro de saúde, nas gasolineras, nos establecementos comerciais e entre os grupos de risco e nenos e nenas que precisaban saír á rúa.

Ademais, destina todo o material que semanalmente recibe da Xunta de Galicia en cubrir as necesidades propias do persoal municipal (Policía Local, Protección Civil, Xardinaría) e, na medida do posible, colabórase coas residencias e co centro de saúde.

HOMENAXE AOS MAIORES

Os Corpors e Forzas de Seguridade brindarán mañá unha homenaxe ás dúas residencias de maiores existentes no municipio, DomusVi e Betania.

O Concello organiza estas homenaxes como mostra de gratitude e recoñecemento polo traballo realizado polo persoal de ambos centros e, tamén, como agradecemento ás familias dos residentes sendo conscientes do esforzo que supón deixar de ver aos seus seres queridos durante todo este tempo.

A día de hoxe, cómpre lamentar o falecemento por Covid-19 dun residente de Betania que sufría patoloxías previas; nesa residencia detectáronse catro casos, mentres que en Domus VI as probas realizadas foron negativas na súa totalidade.

Estas homenaxes dos Corpos e Forzas de Seguridade ás residencias de maiores de Viveiro terán lugar ás 15.00 horas, diante de DomusVi, e ás 15.20 horas, diante de Betania.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here