PUBLICIDADE
Inicio sociedade Os positivos na provincia repuntan nove días despois

Os positivos na provincia repuntan nove días despois

O Sergas documenta 58 casos de coronavirus na área lucense, dous máis ca onte; desde o pasado 15 de maio non aumentaba o número de infectados na estatística oficial

Hospital da Mariña. AXM

O número de casos activos de coronavirus na provincia repuntou despois de nove días consecutivos descendendo a cifra. O reconto oficial do Sergas deste domingo documenta un total de 58 positivos, dous máis ca onte.

Desde o pasado 15 de maio, cando se documentaron 122 positivos, cinco máis có día anterior, a cifra de infectados na área lucense foi en descenso continuado. O 16 contabilizábanse 99 casos; o día 17, 77; o 18, 75; o 19, 72, o 20, 69; o pasado xoves, 63, por 60 o pasado venres.

No Hospital Público da Mariña non hai ingresados por coronavirus. Os únicos catro hospitalizados na área lucense están no HULA, dous en Uci e outros dous en planta (o número de persoas en unidades de hospitalización aumentou nun caso). Permanecen en domicilio 54 pacientes, un máis ca onte.

No histórico da provincia faleceron 27 persoas, cinco delas na Mariña Lucense, ademais dun doente que pereceu na Uci de Burela tras ingresar por coronavirus e superar a doenza. Déronse 859 altas.

A NIVEL GALEGO, 631 FALECEMENTOS NO HISTÓRICO E 869 INFECTADOS

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 869, deles 215 son da área da Coruña, 58 da de Lugo, 124 da de Ourense, 37 da de Pontevedra, 261 da área de Vigo, 147 da de Santiago, e 27 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 12 permanecen en Uci, 61 están en unidades de hospitalización e 796 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 9.716 persoas curadas, rexistrándose 613 falecementos. O número de PCR realizadas é de 134.690.

RESIDENCIAS

No tocante ás residencias, o único positivo documentado en xeriátricos da bisbarra é en Mirador del Eo, a vivenda comunitaria privada de Ribadeo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here