InicioEconomíaXornadas e Encontro Empresarial de Expomar abordarán en formato virtual un momento...

Xornadas e Encontro Empresarial de Expomar abordarán en formato virtual un momento crucial para o sector

O impacto do coronavirus ou o Brexit serán dous dos temas chave dos encontros, que se celebrarán telematicamente os días 25 e 26 de xuño

Publicada o

- Advertisement -

As XXVII Xornadas Técnicas e o XXI Encontro Empresarial de Expomar, que ían ter lugar en Burela os pasados 28 e 29 de maio pero que se aprazaran pola situación de estado de alarma, finalmente celebraranse de forma telemática a próxima semana.

Na mañá do xoves 25 de xuño celebrarase a primeira edición virtual das Xornadas Técnicas de Expomar nos seus xa 27 anos de historia. Baixo o título “A Pesca, un sector esencial; e agora, que?” preténdese analizar a situación pesqueira actual desde distintos puntos de vista, tendo en conta o impacto do coronavirus e o Brexit nun sector esencial como a pesca, así como as principais repercusións sociais e económicas esperadas para os vindeiros meses.

O foro, que terá lugar entre as 10.00 e as 14.00 horas, comezará coa presentación a cargo do Presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, e poderá seguirse en aberto a través dunha plataforma dixital. Ao longo da mañá intervirán a Secretaria Xeral de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villaoriz; a Directora Xeral de Pesca da Consellería do Mar da Xunta Galicia, Mercedes Rodríguez Moreda; o Presidente da European Fisheries Alliance (EUFA), Gerard van Balsfoort; e o Secretario Xeral de Cepesca e Presidente de Europeche, Javier Garat.

Como en tódalas edicións presenciais, ao finalizar o encontro terá lugar un debate aberto entre tódolos participantes, que será moderado polo Director de Abanca Mar, Javier Fraga.
A clausura das Xornadas Técnicas 2020 correrá a cargo da Conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, e terá lugar a partir das 13.00 horas.

CITA PARA AS ORGANIZACIÓNS PESQUEIRAS

Pola súa parte, o venres 26 de xuño pola mañá celebrarase, por primeira vez de forma non presencial nas súas xa 21 edicións, o Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, que reúne cada ano ás entidades máis representativas da frota galega e ás asociacións profesionais do sector pesqueiro a nivel nacional.

A reunión dos representantes da frota terá lugar entre as 10.00 e as 13.30 horas por videoconferencia. Ao finalizar o evento, como cada ano presentaranse as conclusións aos medios de comunicación en torno ás 14.00 horas, momento no que se farán públicas.

Sen dúbida o principal tema sobre a mesa será o impacto do Covid-19 no sector pesqueiro, coas axudas, as estratexias europeas de impacto no sector pesqueiro, ademais de diferentes asuntos comerciais ou sanitarios derivados da crise do coronavirus.

Llano destaca “o grande compromiso que a Fundación Expomar ten co sector náutico-pesqueiro” e que, “debido a que este ano ía resultar moi difícil celebrar as Xornadas Técnicas ou o Encontro Empresarial de forma presencial, optouse por esta vía telemática como a mellor solución para poder afrontar a situación do sector con urxencia xusto uns días despois do levantamento do estado de alarma”.

“SERÁ UNHA DAS EDICIÓNS MÁIS RELEVANTES”

“Debido á grande trascendencia das decisións que aquí se tratan, sen dúbida esta edición convertirase nunha das de maior relevancia dos últimos anos, xa que tocará debatir a situación do sector pesqueiro xusto despois de superar a crise sanitaria do coronavirus e no momento de afrontar tódalas súas consecuencias socio-económicas”, concluíu.

As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial están promovidos pola Fundación Expomar, en colaboración coa Deputación de Lugo e Afundación Obra Social Abanca, e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal.

INSCRICIÓNS

Para poder asistir a este evento online hai que rexistrarse previamente na plataforma dixital a través da que se retransmite, o que pode facerse desde a web www.expomar.com.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...