As demandas para restituír o servizo de radioloxía no Hospital da Mariña chegan ao Parlamento da man do PSdeG

A deputada Patricia Otero anuncia que esixirá cubrir as prazas vacantes no centro mariñán con persoal estable para garantir a atención no centro.

Hospital Público da Mariña. ITARCON

A demanda para repoñer o servizo de radioloxía no Hospital da Mariña chegará o vindeiro xoves ao Parlamento de Galicia. Será a través da Secretaria Provincial e Deputada Autonómica do PSdeG Patricia Otero, que solicitará a reposición “urxente” do servizo, segundo apuntan dende a formación socialista.

Otero pedirá na cámara galega que as dúas prazas de radiólogos “hoxe vacantes” se restitúan con persoal estable para garantir a atención destes casos no propio hospital mariñán. Así o anunciou hoxe a deputada socialista tras coñecer que existen pacientes que están sendo derivados ao HULA.

Otero lembra, neste aspecto, que o hospital da Mariña é o centro de referencia da zona norte da provincia de Lugo “e atende a unha poboación de máis de 70.000 habitantes que se incrementa de xeito exponencial na época de vacacións”. Na iniciativa rexistrada, o PSdeG remarca que, “neste centro hospitalario hai cinco prazas de radioloxía, pero a día de hoxe o Hospital só conta con tres radiólogos. No hospital da Mariña dende hai moito tempo existen dúas prazas de radiólogos sen cubrir, despois da xubilación dunha das profesionais e o traslado doutra facultativa”.

Así as cousas, a Deputada Autonómica insiste en denunciar que “a non cobertura destas prazas é unha mostra máis da degradación constante e do desmantelamento da sanidade pública na comarca da Mariña por parte do Goberno de Feijóo, como xa o denunciamos hai pouco tempo tamén co servizo de cardioloxía”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here