Jorge Val, alcalde de Alfoz: “Debemos deixar as visións localistas”

Jorge Val é o alcalde de Alfoz, un concello cunha fonda pegada histórica na súa carta de presentación. Situado na Mariña Central e situado entre o mar e a montaña en dirección á Terra Cha, Alfoz é para Jorge Val un dos mellores nós de comunicación entre estas dúas comarcas da provincia de Lugo. As accións do goberno municipal que preside Val levan á incorporación da fibra óptica e a creación dun censo de vivendas baleiras para a súa venda ou posta en aluguer.

Jorge Val, alcalde de Alfoz

-Como definiría Alfoz dentro do conxunto da Mariña?

Pois como un concello da Mariña interior porque estamos situados ente a costa e a Terra Chá. Isto fai de nós un municipio de clima suave, sen grandes variacións térmicas. Iso pode verse na variedade de cultivos que hai como todo tipo de árbores de fruta desde maceiras, limoeiros ou laranxeiras. Isto é un sinal claro da fertilidade do terreo en Alfoz.

-O que si se pode ver é unha importante pegada do patrimonio histórico.

É un concello cunha historia que se ve e se sente tanto nos castros como nas fortalezas e as igrexas. A isto sumámoslles os soutos de castiñeiros e os conxuntos paisaxísticos, sobre todo na parte máis alta na Serra do Xistral, coas súas turbeiras, a Fervenza do Escouridal e as fragas que aínda se conservan por esa parte xunto coa actividade do pastoreo extensivo de cabalos, vacas ou ovellas, ademais de fauna autóctona, corzos, cervos, xabaril e para a pesca esta é unha zona moi troiteira. O que non puidemos recuperar foi o salmón.

-En vista do que describe, podemos entender que o sector primario ten un peso importante dentro da economía municipal.

O sector forestal é o que ten maior peso debido á cantidade de plantacións e a partir de aí, toda a industria derivada da mesma, tanto talleres como serras para o tratamento e transformación da madeira. A importancia do sector gandeiro radica nas explotacións para carne de pastoreo extensivo mentres que o sector lácteo continúa adiante aínda que con menor presenza. O sector frutícola está extendendo a plantación de maceiras para sidra.

Alfoz é un concello cunha historia que se ve e se sente tanto nos castros como nas fortalezas e as igrexas

-Ademais das empresas de transformación da madeira, existen outras como as de talleres e montaxe de carrozarías. Aínda así, buscan atraer máis empresas mediante algún plan especial de actuación?

Nestes momentos estamos co PXOM, que é o plan básico e dentro del introduciremos o plan industrial para asentar empresas do sector secundario. O certo é que hai moitos emprendedores sobre todo dentro do sector da pedra, automoción ou mobles. Ademais, Alfoz é un centro xeográfico da Mariña, por tanto somos un nó importante de comunicación entre costa e interior da provincia, por tanto sería un lugar estratéxico para novas empresas, sobre todo, tendo en conta a nosa cercanía coa A-8.

O sector frutícola está extendendo a plantación de maceiras para sidra

-Tamén falan do aproveitamento dos recursos naturais como é a enerxía eléctrica mediante unha presa hidroeléctrica. Ese encoro é de titularidade pública ou privada?

Non, é privado, pertence a unha empresa que vén aproveitando a enerxía desde os anos 1950. Tamén estamos aproveitando os parques eólicos que verán aumentados a súa superficie. Isto trae a creación de enerxía limpa e recursos para os veciños de aquí co pagamento de impostos e empregos.

-Considera que todas as vías de comunicación que unen Alfoz co resto de Galicia son suficientes ou é necesario o aumento e mellora destas vías?

Creo que deberiamos ter unha mellor conexión coa A-8. Despois as vías que van á costa están ben e tamén podemos dicir que estamos a unha hora dos aeroportos de Coruña, Santiago e Avilés. Iso axuda a fomentar o turismo e serve para os veciños. O resto de vías internas e de comunicación con outros concellos están bastante ben.

Nestes momentos estamos co PXOM, que é o plan básico e dentro del introduciremos o plan industrial para asentar empresas do sector secundario

-Cre que o peso de Alfoz e outros concellos do interior da comarca teñen peso suficiente para influír no momento de tomar decisións comunitarias?

Os concellos da Mariña complementámonos uns a outros, os da costa aportan certos recursos e os de interior outros. Temos que ter unha visión global da comarca e non individual, o prexuízo dun é o prexuízo de todos. Debemos deixar as visións localistas.

-Que lle gustaría facer para que Alfoz fose un concello que as familias escollan para establecerse de maneira permanente?

Hai algúns plans en marcha. O mercado de traballo cambiou moitísimo durante as últimas décadas. Hoxe a conciliación familiar é un tema complicado, mais para iso xa poñemos nós plans de conciliación como é o colexio de madrugadores e actividades extraescolares para os nenos e logo está a gardería. Tamén temos o plan de maiores aumentando as horas de atención a este colectivo. Hai actividades como talleres de memoria e actividades físicas. O que buscamos prestar uns servizos para a conciliación familiar e converter nunha oportunidade o vivir en Alfoz.

-Pensaron en ofrecer terreos para construción de vivendas accesibles para persoas que traballen en concellos como Foz ou Burela?

Pois é algo que estamos tentando facer. De momento andamos coa creación dun censo de vivendas baleiras e contactar cos propietarios para saber se están dispostos a vender ou alugar. Así poderiamos poñelas no mercado. A pandemia aprendeunos moitas cousas entre elas que vivir no rural non é o mesmo que un confinamento nun piso. No rural tes a túa casa e podes saír, cousa que non podes facer nun piso. Ademais diso, tamén está a oportunidade de cultivar os seus produtos. Por outra parte, estamos instalando xa a fibra óptica co que teletraballar desde aquí non será complicado para algúns profesionais.

Temos que ter unha visión global da comarca e non individual, o prexuízo dun é o prexuízo de todos

-Isto último está relacionado co sector servizos que maioritariamente son públicos. Mais noutros aspectos como é o turismo, están pensando en ampliar as posibilidades turísticas de Alfoz?

Como concello o que debemos facer é apoiar o sector e o sector é quen debe moverse. Somos un apoio para facer visible a nos oferta turística noutras partes do territorio mediante as novas tecnoloxías e medios de comunicación. Con iso promocionaríamos os bos servizos que temos no noso territorio, á parte duns produtos naturais e de proximidade que o volven máis atractivo.

-Desde o seu posto de alcalde, como afrontou a pandemia?

Preocupado, como todos. Aconsellabamos a todos que non saísen das casas. Afortunadamente pola dispersión poboacional non hai tanto contacto directo. Contactamos coas persoas maiores por se necesitaban algo que non lles facía falta saír da casa, xa lles faciamos nós os recados e tamén colaborando no posible coas autoridades sanitarias.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here