O alcalde de Alfoz, Jorge Val, asegurou que o foco de Covid-19 na Vivenda Comunitaria do municipio, con seis usuarios contaxiados dos sete maiores residentes, está “controlado”.
Ademais do seis residentes, tamén tres traballadores resultaron positivos, polo que os nove afectados atópanse en corentena debido a este coronavirus. Jorge Val puntualizou que son casos “asintomáticos” e, por tanto, “están controlados e está en corentena tanto os traballadores como os residentes”.
O rexedor concretou que de “sete (residentes) hai seis (contaxiados) pero son todos asintomáticos, e dentro do que cabe atópanse ben”. “Están contaxiados, pero sen síntomas”, subliñou. En canto á orixe do brote, o alcalde de Alfoz apuntou que puido ser “a través dos traballadores ou tamén a través dos residentes que fan unha vida normal e saen fóra, que puidesen ter un contacto con algunha persoa contaxiada e que o levasen (o virus) para dentro”.
“Saen a pasear e paran con moita xente. Non se sabe exactamente de onde procede o brote, se foi polos traballadores ou foi por eles mesmos”, concluíu. En total son nove os positivos por Covid, seis residentes da Vivenda Comunitaria do municipio de Alfoz e tres traballadores da mesma, todos eles en corentena.