O comercio mariñao anima San Valentín con sorteos e a Festa da Cociña Afrodisíaca

Acisa Ribadeo sortea 19 ceas para dúas persoas, mentres que 20 locais e tres panaderías de Foz ofrecerán tapas e doces afrodisíacos

Presentación dos doces da Festa da Cociña Afrodisíaca. AXM

O comercio mariñao comezou as súas campañas de cara ao 14 de febreiro, San Valentín.

A Acia/Centro Comercial Aberto de Foz iniciou o pasado venres a súa campaña. As persoas que realicen as súas compras nos establecementos asociados ata o día 17 de febreiro entrarán no sorteo de oito premios especiais.

Trátase de diferentes tratamentos estéticos, que ofrecerá a clínica Maas+Saúde. Os premios consistirán en tres sesións de depilación do pack ingles e axilas, outras tres de medias pernas, un masaxe redutor-presoterapia e outro de hixiene facial con ácido salicílico. O sorteo, o 19 de febreiro, será ofrecido en directo por Radio Foz.

Ademais, a Acia focega impulsará unha cita clásica destas datas, a Festa da Cociña Afrodisíaca, os días 14, 15, 16 e 17.

Vinte locais ofrecerán tapas a un prezo de 1,5 euros, elaboradas con produtos como chocolate, ostras, fresas, algas, aguacate ou améndoas. Tamén haberá doces afrodisíacos, que prepararán as pastelerías Amarena, Anduriña e Xoyma, ao mesmo prezo.

Por outra banda, outros 20 establecementos de hostalería ofertarán menús especiais para celebrar San Valentín, tanto na comidas como na cea.

RIBADEO

En Ribadeo, a campaña da Acisa comezou o día 2 e prolongarase até o 14. Nesta edición sortearanse 19 ceas para dúas persoas, por xentileza doutros tantos restaurantes.

As persoas que realicen as súas compras nos establecementos asociados a Acisa ao longo dos vindeiros días recibirán papeletas para cubrir cos seus datos e un número de teléfono de contacto. Deste xeito entrarán no sorteo das 19 ceas, que se realizará o día 15.

Participan na campaña os seguintes locais: Asador A Quinta, Parador de Turismo de Ribadeo, San Miguel, O Cabazo, Marinero, A Dorada do Cantábrico, O Lar de Manolo, O Tumbín, Hotel Restaurante Javier Montero, La Villa, Cayo Coco, Porta Norte, Costa Verde, La Lira, La Solana, Bar Galicia, El Rincón del Gordo e Galipizza. Éste último local ofrecerá dúas ceas.

VIVEIRO

En Viveiro, baixo o lema ‘Namórate do comercio local‘, o Centro Comercial Histórico viveirense (CCHV) iniciou o pasado venres a súa promoción.

A agrupación de comerciantes decorará as rúas con corazóns de PVC e o mércores 13 de febreiro repartirá máis de 400 globos con esta mesma silueta entre todos os negocios asociados, para que decoren as portas ou os escaparates. Trátase, sinala o colectivo, “dunha campaña moi visual para recordar que un pequeno agasallo pódese converter nun gran detalle”.

Tamén se colocará un photocall de globos en forma de corazón, que rotará por distintos lugares para que a xente se saque fotos divertidas e as suba ás nosas redes sociais baixo a hastag #namóratedocomerciolocal. Os protagonistas da imaxe con máis “me gusta” gañarán 100 euros en vales de compra.

As bases do sorteo e toda a información pódense consultar na web, e nos perfis de Facebook, Twitter e Instagram.

BURELA

En Burela, a campaña rematará o vindeiro luns. O Centro Comercial Aberto burelés sorteará unha noite romántica de hotel -por gastos en perruquería ou estética– e dúas cestas con produtos do comercio, para todos aqueles que fagan unha compra superior aos dez euros nos establecementos asociados.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here