Os tres grandes sindicatos celebran o primeiro de maio por separado na Mariña Lucense

A CIG manifestouse en San Cibrao e CC OO e UXT mostraron a súa división polas situacións de Alcoa e Sargadelos con actos en Viveiro e Burela

Manifestación da CIG. AXM

A Confederación Intersindical Galega celebrou o Día Internacional da Clase Obreira cunha manifestación en San Cibrao. A marcha saíu desde a casa do mar ás 12.00 horas, baixo o lema ‘Recuperar dereitos para avanzar. Na Galiza emprego, salarios e pensións dignas‘.

O sindicato nacionalista alerta de que “as novas formas de explotación laboral introducidas coas reformas laborais están a fomentar un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora e un incremento das discriminacións de xénero, ao que se lles suma o desmantelamento da nosa industria“.

Neste senso, a localización elixida pola CIG pretendeu poñer no foco a problemática de Alcoa, “sobre a que vemos como ano tras ano temos enriba a espada de Damocles por un sistema perverso que prima os intereses das eléctricas e pon en risco miles de postos de traballo“.

“PRIMEIRO AS PERSOAS”

Pola súa banda, Comisións Obreiras (CC OO) e a Unión Xeral de Traballadores (UXT) racharon na Mariña Lucense a unión escenificada noutros lugares da xeografía galega, onde os dous sindicatos acudiron a outras nove convocatorias comúns baixo o lema ‘Primeiro as persoas‘.

Manifestación de CC OO en Viveiro. AXM

Os sindicatos reclamaron ao Goberno que saia das urnas tralas pasadas eleccións xerais que “sitúe ás persoas á cabeza” e “aborde con urxencia a axenda social“, despois dun período de crise no que “os traballadores foron as grandes vítimas”, e sinalaron que agora “que a economía vai ben para algúns”, é hora de “restituír os dereitos” laborais e sociais perdidos.

DESAVINZAS

O motivo da desavinza, segundo a UXT, foi o comportamento “desleal” de CC OO no conflito laboral da fábrica de Sargadelos en Cervo, onde unha delegada do sindicato socialista, Rogelia Mariña, foi sinalada polo conselleiro delegado do grupo empresarial e revogada polas súas compañeiras en asemblea. Tamén hai controversia entre as centrais pola posición a adoptar ante a situación de Alcoa.

Concentración da UXT en Burela. AXM

Así, CC OO manifestouse en Viveiro, tal e como estaba previsto, mentres que a UXT convocou unha concentración na Praza da Mariña de Burela.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here