A SD Burela poderá xogar no campo da Marosa malia a reforma da grada

Llano aclarou que os traballos "se executarán en periodos sen competición para que a reforma non altere a planificación deportiva do club"

Grada do campo de fútbol de herba natural da Marosa. AXM

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, explicou este xoves que as obras prevista nas instalacións da Marosa para derrubar a grada existente e construír unha nova “se programarán en períodos sen competición para que a reforma non altere a planificación deportiva da SD Burela”.

O campo de herba natural, na que se acometerán as actuacións, é sede habitual dos equipos senior e xuvenil da entidade, que poderán seguir empregando o terreo de xogo para disputar os partidos.

GRADAS E VESTIARIOS

Así, a remodelación só afectará á ubicación do público, que terá que ver os encontros desde outros puntos do recinto, e máis aos vestiarios, que se pecharán a vindeira semana. O club explicou que habilitará os antigos, situados a carón do bar, como alternativa.

Esta información corrixe a publicada este mércores por Xornal da Mariña na que se indicaba que a reforma “deixaría sen campo á SD Burela durante toda a temporada”.

O titular reflicte unha interpretación equivocada pola que pedimos desculpas ás partes implicadas e mais aos lectores.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here