Concello de Burela e Universidade de Santiago de Compostela asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento dun plan de actuacións ecolóxicas, que terá unha vixencia de catro anos, segundo subliñou o alcalde, Alfredo Llano.
O rexedor dixo que “este convenio ten un propósito extraordinario de colaboración entre a Universidade e o Concello de Burela en temas tan diversos como o medio ambiente, a ecoloxía, a economía circular e todo aquilo relativo á aplicación dos obxectivos da Axenda 2030″. Alfredo Llano tamén anunciou o desexo de participar conxuntamente en proxectos que veñen da Unión Europea para desenvolvelos en Burela.
Llano pensa que “é algo tremendamente positivo porque hai que ter a colaboración de xente que pode axudarnos moitísimo, tanto no coñecemento como nas oportunidades de xestión. Así que vai ser un bo sistema de colaboración durante 4 anos, que é a duración deste convenio”.
Nestes momentos, segundo o rexedor burelés, hai xa proxectos relacionados coa economía circular, coa investigación, coa docencia e coa aplicación de programas como o de hortos urbanos ecolóxicos. O convenio asinado este venres contempla un xardín botánico no Monte Castelo, a recuperación de bosques de ribeira ou a preservación de castiñeiros resistentes ao fungo da tinta, entre outras actuacións, segundo deu a coñecer a Universidade de Santiago de Compostela.
O alcalde subliñou que “esta colaboración ten o obxectivo claro de facer cuestións que realmente se van ver e van servir para mellorar moitísimo o progreso integral de Burela”. No acto de firma do convenio participaron a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, os catedráticos do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñería e investigadores da USC, Antonio Rigueiro e Rosa Mosquera, xunto co alcalde burelés, Alfredo Llano.