Ourense rédese ao bonito e a pescada de Burela no Xantar 2021

O rexedor de Burela, Alfredo Llano, dixo que “falei das virtudes do mar como despensa que é de produtos frescos, naturais e de calidade".


Hoxe celebrouse o Día do Mar no salón gastronómico Xantar, que segue en Ourense ata o vindeiro domingo. O alcalde, Alfredo Llano, participou nunha mesa redonda e na degustación ofrecida polo Concello este mediodía.

O rexedor dixo que “falei das virtudes do mar como despensa que é de produtos frescos, naturais e de calidade. Referinme ás máis de 100 especies que a diario saen a poxa na nosa lonxa, aínda que fora de Burela se nos coñece máis polo bonito e pola pescada”.

Llano engadiu que “fixen unha defensa da actividade pesqueira, que consideramos esencial para Burela, para A Mariña e para Galicia, polo que supón para a nosa economía e tamén para a nosa alimentación e a nosa saúde”.

No stand do Concello de Burela en Xantar tivo lugar unha degustación de empanada de bonito e de salpicón de pescada que, segundo o alcalde, foi un éxito: “gustou moito”.

Ata Ourense se desprazaron tamén xunto ao alcalde os concelleiros de Turismo e de Igualdade, Ramiro Fernández e Noelia Mª Ben, así coma o xerente da Fundación Expomar, José Manuel González, que estivo a traballar de cara á vindeira edición de Produart. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, achegouse ata o stand de Burela e participou na degustación.

O edil de Turismo fai un balance positivo da participación de Burela en Xantar: “é unha feira que nos gusta e que consideramos interesante para facer promoción do noso pobo e dos seus atractivos turísticos, gastronómicos e pesqueiros”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here