Máis de 1.500 adolescentes da Mariña previrán o machismo co programa Catuxa

A mancomunidade impulsará o proxecto entre alumnado de 14 e 16 anos de dez centros educativos da bisbarra

Presentación do programa Catuxa. AXM

Un total de 1.547 adolescentes de dez centros educativos da bisbarra participará no programa a prol da igualdade Catuxa, que a Mancomunidade da Mariña Lucense presentou este venres en Viveiro.

O programa de Coeducación, Aprendizaxe Transversal e Unidade de Xénero para a Adolescencia (Catuxa), dirixido a alumnado de entre 14 e 16 anos, aposta pola prevención para erradicar a violencia machista e por promover modelos de relación entre os adolescentes baseados na non discriminación.

Así, Catuxa fomentará modelos de traballo que potencien as habilidades sociais, a intelixencia emocional, a tolerancia, o respecto e a afouteza do alumnado, e que muden as actitudes sexistas que perpetúan a desigualdade.

A directora do proxecto, Rosa Torrado, asegurou que o programa terá incidencia en todos os sectores de aprendizaxe e en todos os espazos de desenvolvemento curricular que compoñen o ámbito educativo.

o alumnado analizará cancións, cuestionará o amor romántico ou identificará os micromachismos

Catuxa desenvolverá unha unidade de xénero para a adolescencia que actuará como ente para avanzar en igualdade, tendo como espazo de referencia os centros educativos.

ACTIVIDADES

O programa incluirá diversas actividades, como a análise de cancións, a reflexión sobre o mito do amor romántico ou a identificación da violencia de xénero.

Catuxa tamén desenvolverá accións dirixidas a pais e nais e creará puntos de encontro entre centros e familias, de forma que as alumnas podan estar máis arroupadas e se detecten o máis rápido posible casos de discriminación sexista.

o proxecto creará pontes entre os centros e as familias para arroupar ás alumnas que sufran discriminacións

O alumnado participante en Catuxa creará un lipdub ou un premio do mesmo nome.

INSTITUTOS PARTICIPANTES

Participarán en Catuxa os seguintes centros: IES Alfoz-Valadouro, Enrique Muruais (A Pontenova), Perdouro (Burela), Marqués de Sargadelos (San Cibrao), Foz, Plurilingüe San Rosendo (Mondoñedo), Dionisio Gamallo (Ribadeo), Illa de Sarón (Xove) e de Viveiro Vilar Ponte e María Sarmiento, onde se celebrou a presentación, que contou con alumnado do centro.

Público na presentación do proxecto. AXM

PROXECTO PREMIADO

O programa Catuxa obtivo un dos Premios Coopera que concede a Xunta de Galicia. A xefa territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Gueimunde González, asegurou aos presentes que “a violencia non é o futuro, o futuro sodes vós, a mocidade”.

catuxa obtivo o premio coopera que concede a xunta de galicia

O presidente da comunidade, Alfredo Llano, presentou o proxecto nun acto que contou coa presenza doutros alcaldes e representantes municipais da mancomunidade.

Llano espuxo o seu desexo de que “o programa Catuxa contribúa a mudar a mentalidade e xere conciencia para frear a violencia de xénero”.

Trala benvida a cargo da directora do IES María Sarmiento, Elena Pérez, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, foi a encargada de ler a declaración do programa.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here