Diego González Peña, psiquiatra: ” Galicia está por debaixo da media española de psiquiatras por 100.000 habitantes”

Diego González Peña é psiquiatra no Hospital da Costa en Burela. Primeiramente formou parte do equipo de atención a domicilio e a residencias de maiores. González Peña ve necesario ampliar os equipos de saúde mental para unha mellor atención na comarca, sobre todo psicólogos. Doutra parte, o que tamén sente é a baixa densidade de profesionais por número de habitantes, algo que afecta a todo o Estado.

Zona de urxencias do Hospital da Mariña. AXM

-Cal é a situación do cadro de persoal para saúde mental no Hospital da Costa?

Non se aplicaron recortes. Anteriormente había tres psiquiatras das que dúas estaban en consultas e eu estaba en atención a residencias de maiores e co equipo de atención a domicilio. Era un equipo de continuidade de coidados especializado en darlle apoio ás familias e tamén para persoas con menos apoio social. En maio unha das psiquiatras traladouse a outro lugar fóra do dispositivo de Burela. Ese espazo non se cubriu e foi aí cando eu pasei a consultas. A praza non se cubriu non por non querer contratar a alguén senón porque non encontraron a ninguén para cubrila. Este é un problema moi estendido en Galicia agora mesmo. Creo que garda relación co aumento de prazas no Plan de Saúde Mental de Galicia, ao final non houbo xente suficiente para cubrilas. Isto mesmo sei que ocorre noutros hospitais e aquí na Mariña sei que hai máis dificultades para cubrilo porque se hai prazas noutros sitios, para un lugar máis apartado como a Mariña é máis difícil encontrar xente.

-Por que existe esa dificultade para cubrir esa praza? Non hai profesionais abondo de psiquiatría para a cobertura de vacantes?

Dentro da psiquiatría privada hai un número importante de profesionais. Ao mellor non teñen interese en exercer na medicina pública porque lles compensa máis estar na privada. Xente sen traballo agora mesmo non hai, pois os MIR de psiquiatría que rematan, axiña teñen un contrato de traballo.

-Os residentes entón non esperan ás oposicións?

Non, cando finalizan o período MIR son contratados. Realmente esperan nunhas listas de contratación, un elemento que non existía antes, por iso debían ir buscando traballo polos diferentes servizos. Agora hai unha listaxe unificada para toda Galicia onde te apuntas e escolles aqueles distritos do teu interese e a partir de aí xa te van chamando.

-A saúde mental na Mariña está ben atendida?

Dentro da Unión Europea, España está por debaixo da media en número de psiquiatras por cada 100.000 habitantes e Galicia está por debaixo da media española. Na Mariña, pois estamos por debaixo da media se temos en conta o número de psiquiatras para a Área de Lugo. Agora mesmo traballamos dous psiquiatras, dous psicólogos, un deles para atención a adultos e outro para atención infanto-xuvenil e coidados paliativos. Logo hai unha enfermeira en consultas e outra enfermeira e un auxiliar para o equipo de continuidade de coidados. En psiquiatría non temos atención infanto-xuvenil, se houbese un caso iría ao psiquiatra en Lugo.

Xente sen traballo agora mesmo non hai, pois os MIR de psiquiatría que rematan, axiña teñen un contrato de traballo

-Que tería que suceder para enviar un neno ou mozo a unha unidade de psiquiatría?

Para que unha persoa menor de dezaseis anos vaia a unha consulta de psiquiatría non ten que acontecer nada excesivamente grave. Pode ser un transtorno leve mais con necesidade de reforzo farmacolóxico, tamén os transtornos graves o necesitan. Tampouco hai unha especialidade de psiquiatría infantil, é algo sobre o que se está traballando. Se isto axuda a incrementar o número de prazas, axudará tamén á mellora da calidade na atención.

-Dentro do voso departamento no Hospital da Costa, cales son as principais patoloxías que estades tratando?

Tratamos todo tipo de patoloxías porque somos unha unidade xeral de saúde mental, non somos unha unidade especializada. Agora mesmo os transtornos máis tratados son os de depresión e ansiedade, é o que máis aumentou.

-Que diferenzas existen entre a depresión e a ansiedade?

Hai síntomas que se superpoñen uns sobre outros. Segundo os máis predominantes podemos cualificar de depresivo ou de ansiedade o cadro que se nos presente. Hai xente con depresión e ansiedade e viceversa.

Agora hai unha listaxe unificada para toda Galicia onde te apuntas e escolles aqueles distritos do teu interese e a partir de aí xa te van chamando

-Cal é o segmento de poboación con maior incidencia deste tipo de doenzas?

Non sabería dicirche a estatística, mais si podo dicir que coa pandemia a infancia e a adolescencia foron dos máis afectados, aí si podo dicir que houbo un aumento da demanda. Creo que isto foi así por estaren vivindo unha época onde sofren máis cando deben aillarse ou sufrir restricións sociais. Por tanto, cando viven unha época en que o vínculo afectivo e social, facer actividades cos amigos, facer actividades en grupo, algo moi importante, se se interrompe isto, senten máis esta perda.

-Con todo, moita xente ten a idea dunha adolescencia actual máis pendente das redes sociais que xuntarse fisicamente. Parece que isto non é así, a tecnoloxía non substitúe a reunión física.

Botar moito tempo coas pantallas non abonda para substituír o contacto social. Os adolescentes seguen quedando e saíndo. Non só se restrinxen ao contacto por redes sociais e pode verse que non é suficiente.

-Cales serían para ti as necesidades que deberan cubrirse para unha mellor atención psiquiátrica a domicilio?

Desde a miña perspectiva necesitariamos máis equipos de atención comunitaria para continuidade de coidados. Os equipos están organizados para atenderen uns vinte ou trinta casos mais nós superabamos ese número. Tamén vemos en consulta moita máis xente con necesidades e non se pode chegar a todas as persoas porque non hai máis equipo. É necesario reforzar os equipos con enfermeiras especializadas en saúde mental e psicólogos, todo iso pode axudar. Dentro de saúde mental, necesitaríamos máis psicólogos, un psiquiatra máis sería moi necesario. Non obstante, só con dous psicólogos para toda A Mariña as listas de espera son moi longas.

Agora mesmo os transtornos máis tratados son os de depresión e ansiedade, é o que máis aumentou

-Cres que cos movementos sociais a favor da mellora na atención á saúde mental, se están acadando obxectivos como darlle máis visibilidade a esta área da medicina?

Aquí temos a Asociación de Saúde Mental da Mariña que fan un labor moi importante de visibilizar e atender casos, así dan un apoio moi importante ás familias e ás persoas que sofren.

-Como afrontas desde a túa posición como profesional a estigmatización da enfermidade mental?

Hoxe en día tense avanzado moito e hai menos prexuízo por acudir a psicoloxía ou psiquiatría. Aínda hai casos reacios ou persoas diagnosticadas sofren estigmatización. Iso pode pasar tamén coa discapacidade, sobre todo no tema da mobilidade porque aínda quedan cousas para resolver arredor das persoas con ese tipo de dificultades. En tal caso, tense mellorado mais hai que seguir mellorando. As asociacións traballan moito na visibilización e na normalización.

-Existe un campo profesional onde a doenza mental estea especialmente estigmatizada?

Non teño esa sensación, non creo que sexa un factor relevante. Non creo que por ser mariñeiro ou panadeiro haxa máis ou menos estigmatización.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here