As xeorutas, un plan para coñecer Burela esta Semana Santa

Presentación das xeorutas de Burela en Semana Santa / Concello de Burela

No que se refire á xeoloxía, falar de Burela é falar dunha das xoias galegas, posto que é un lugar de interese neste campo a nivel internacional. Na contorna da localidade atópase unha ampla variedade de rocas, tales como cuarcitas, granitos, pegmatitas, ou outras, así como estruturas xeolóxicas que nalgúns casos son moi singulares e excepcionais.

O Concello de Burela leva apostando firmemente polo descubrimento destes tesouros para distintos públicos, incluíndo ao alumnado dos centros de ensino. Nesta ocasión, o concello de Burela anuncia, a través das concellarías de Turismo e Medio Ambiente, dúas xeorutas para esta semana Santa, programadas para o venres 15 de abril polo Perdouro e o domingo 17 de abril pola Marosa.

O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, destaca que o turismo activo está moi presente na folla de ruta do goberno local, “con iniciativas como as xeorutas, que levan anos dando bos resultados e sendo acollidas con moito éxito”. Neste sentido, afirmou que a Mariña Lucense, e particularmente Burela, é un destino perfecto para gozar da Semana Santa e “descubrir paraxes únicas cun gran valor patrimonial e xeolóxico”.

As rutas se realizarán en grupos guiados polo recoñecido xeólogo Fran Canosa, a Xeoruta do Perdouro o venres 15 de abril de 10:30 a 13:30 horas, e a da Marosa o domingo 17 de abril de 16:30 a 19:30 horas, con saída os dous días da Oficina de Turismo situada en Porto de Burela. As persoas interesadas deberán inscribirse chamando ao teléfono do Concello de Burela (982 586 000), ou facendo o seu reserva de praza no blog rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com.

 

A do Perdouro é unha georuta que permite descubrir o conxunto de pregues mellor conservado de toda Galicia, unhas estruturas de máis de 300 millóns de anos de antigüidade, así como os fermosos arcos naturais do Castrelo. O percorrido ten 3 quilómetros de distancia (ida e volve) e unha dificultade baixa.

Na ruta da Marosa as rocas graníticas son as protagonistas, nun percorrido literal que presenta a orixe das formas azarosas que adquiren estas rocas co paso dos anos. Son 6 quilómetros (ida e volve) cun grao de dificultade baixo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here