Este xoves, 21 de novembro, estréase nos cines madrileños Artistic Metropol o videoclip ‘Ancroidal‘ da banda viguesa Stoned At Pompeii, dirixida polo realizador cervense Xaime Miranda, con Iago Vilariño como director de fotografía.
A peza audiovisual rodouse ao longo de varios meses e foi gravado en diferentes localizacións da Mariña Lucense, como son o antigo salón de baile de Benito, en Vilaronte; o pazo de Carrocide, en Alfoz, e os exteriores da casa de Pallares, en Barreiros. Así mesmo, o equipo desprazouse ao pazo da Toxeiriña, en Moraña (Pontevedra) para a gravación dalgunhas das escenas.
Neste novo traballo de Miranda, ademais dos compoñentes do grupo musical, interveñen o actor Brais Yanek –que participou en películas como ‘Nove de novembro‘ e ‘Dohgs‘ ou a premiada serie ‘Fariña‘- e a actriz de teatro, e protagonista de musicais, María Borrazás. Para completar o elenco, o realizador contou coa colaboración da cervense Teresa Rey e con Juan Vilariño, membro da compañía Pico de Castro de Foz.
ANÉCDOTA CO LUME
O lume protagonizou nunha das xornadas de gravación a anécdota da rodaxe, cando os veciños alertaron a Protección Civil e Bombeiros de Barreiros sobre un suposto incendio nun garaxe de Burela, onde se estaba a filmar unha escena do videoclip.