O feminismo da Mariña reivindica un “exemplar” 8-M: “demostramos ser un movemento responsable”

O movemento feminista subliña que as manifestacións e concentracións "cumpriron todas as medidas" e lograron transmitir "que se volve cargar sobre as mulleres o peso da crise"

Manifestación en Ribadeo. AXM

O colectivo Galegas 8-M fixo balance das protestas organizadas o pasado luns, Día Internacional da Muller, nas rúas da Mariña, actos reivindicativos que pretenderon “visibilizar as desigualdades que o sistema patriarcal adoita non ver e poñer de manifesto que a pandemia cargou sobre as mulleres a parte máis importante do peso da crise sanitaria e económica”. A agrupación valora que a mensaxe de que ‘Sen coidados non hai vida‘, eixo das convocatorias, transmitiuse “coidándonos ecoidando das compañeiras, porque podemos mobilizarnos polo que nos corresponde e coidarnos ao mesmo tempo”.

Segundo concreta Galegas 8-M, en Barreiros “máis dun cento de persoas achegáronse á praza do Concello. As mulleres barreirenses quixeron honrar a memoria daquelas ás que lles roubaron os soños, ás que lles pecharon a boca arrincándolles a vida, e fixérono nun acto cheo de simbolismo enchendo a praza con candeas acesas“.

En Burela cantouse a ‘Muiñeira Feminista‘, lendo un manifesto co que se rexeitou “o discurso criminalizador” contra o 8-M.

Acto en Barreiros. AXM

En Cervo e San Cibrao, onde se celebrou unha manifestación, “demos un exemplo de responsabilidade, manifestándonos ‘con sentidiño’. Demostramos ser un movemento responsable, medido e sempre cumprindo estritamente as medidas que o protocolo vixente dita”, asegura o colectivo.

Tamén houbo actos en Foz, O Valadouro -onde se ubicou un tendedoiro cheo de mandís para lembrar ás que non puideron facer folga e á situación das empregadas do fogar- e Ribadeo, onde tivo lugar “unha a manifestación exemplar, respectuosa cas normas de distanciamento físico anti-covid-19, guiada por unha ducia de batuqueiras na que máis de 100 persoas recorreron as rúas de Ribadeo”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here