InicioCentralFozFoz inicia as obras de reforma do bar dos xubilados que deberán...

Foz inicia as obras de reforma do bar dos xubilados que deberán estar finalizadas este ano

Publicada o

- Advertisement -

Concello de Foz adxudicou por 60.984,99 euros, consignados con fondos propios, o reacondicionamento da cafetería do Centro Social -o bar dos xubilados- e as obras de reforma da planta administrativa de Asuntos Sociais. A adecuación do bar dos xubilados supón 43.084,99 euros de investimento e as obras na planta administrativa de Asuntos Sociais ascenderán a 17.900 euros.

O alcalde, Fran Cajoto, anuncia tamén a licitación das obras de ampliación do Centro de Seguridade Viaria situado no peirao, que “albergará un local axeitado para as necesidades do colectivo de discapacitados e permitirá que a Asociación Virxe do Carme poida continuar co seu gran labor, por un importe de 58.834,29 euros”. O prazo de presentación de ofertas remata o 22 de setembro.

O rexedor municipal explica: “sempre cumprimos cos nosos maiores e vámolo seguir facendo. Non con palabras ou discursos, preferimos demostrar o noso compromiso con feitos. Cremos que recuperar o bar dos xubilados como punto de reunión dos nosos maiores é unha necesidade. Así fora concibido. Debemos cumprir a normativa de accesibilidade e facer unha cafetería cómoda e atractiva, adaptada ás persoas que teñen dificultades de mobilidade. Reformaranse os baños para que poida acceder unha cadeira de rodas, a cafetería contará cunha entrada propia desde o exterior e abriremos unha terraza sobre o peirao de Foz. Estamos desexando ver o resultado e que estea á altura dos xubilados de Foz”.

Fran Cajoto destaca que “unha vez feita a reforma, o Concello de Foz procederá a sacar a concurso público a concesión da cafetería. Agardamos que o proceso sexa o máis áxil posible, para que os nosos maiores poidan desfrutalo canto antes”. Esta obra súmase a outras iniciativas para a terceira idade, como a rampla de acceso á residencia e as actuacións que se están a facer nas rúas de Foz, como a recente urbanización da rúa Julia Minguillón ou o convenio asinado esta semana para a demandada obra de beirarrúas ata o cemiterio. Á parte, o alcalde tamén mencionou a reforma da planta administrativa de Asuntos Sociais. “Debemos atender da mellor forma posible aos colectivos máis vulnerables, que acoden ao Concello como administración máis próxima para expoñer os seus problemas; é a nosa máxima prioridade”.

E a concelleira de Servizos Sociais e Familia, Ana Rojo, manifestou que “dende sempre a reforma do local sempre estivo na nosa folla de ruta, o noso  compromiso de goberno é con todos os veciños e veciñas pero tamén concretamente cos nosos maiores. O tempo quita ou dá razóns: neste caso o proxecto acadado no seu momento e o traballo dará os seus froitos en breve, cun local totalmente reformado e acondicionado, para uso e disfrute dos maiores, xubilados e veciños de Foz, onde poderán pasar horas de lecer coas mellores vistas”.

Ana Rojo engade: “tampouco nos esquecemos dos nosos rapaces (fillos de xubilados de Foz) da asociación Virxe do Carme, que tamén terán noutro lugar o seu espazo acondicionado, para poder levar a cabo traballos de orientación e inclusión na vida social, como corresponde”.

COMERCIO

Durante o mes de setembro AciaFozCCA repartirá entre os centros de ensino e os locais asociados 4.000 motivos en apoio do comercio local. O slogan desta nova campaña de concienciación é Eu fago pobo.

O presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, explica que “con estes 4.000 motivos que faremos chegar aos colexios, institutos, garderías, centros de día, aos locais comerciais e hostaleiros, entre outros, o que queremos é visibilizar, concienciar, educar, valorar e xerar opinión sobre a importancia que ten o comercio local para o noso pobo, sobre o importante que é ser unha persoa emprendedora, sobre a necesidade de darlles continuidade aos negocios familiares e tamén sobre o positivo que supoñen as unións á hora de iniciar proxectos novos”.

Paleo engade que “a mellor forma de concienciar sobre todo isto é facelo desde as escolas e desde as garderías. Temos que crear conciencia de facer pobo todos e todas xuntos. Por iso eses 4.000 motivos van estar presentes no arranque do novo curso escolar”.

O presidencia de AciaFozCCA tamén anima “a seguir facendo pobo mercando no comercio local todo aquilo que precisemos para a volta ao cole e para a chegada do outono. O verán para o sector turístico, comercial e hostaleiro foi bo. Agora, entre todos, imos apostar por pasar os vindeiros meses o mellor posible”.

A campaña Eu fago pobo foi organizada por AciaFozCCA, que conta coa colaboración de ImpulsaFoz, Concello de Foz e Xunta de Galicia.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...