Presentación da campaña “Vive e traballa en Foz”

Xunto a esta campaña tamén se presentará o novo banco de fotos do Concello. A intención é ter un fondo de fotografías para a promoción turística.

170921 IMAXE CAMPAÑA VIVE E TRABALLA EN FOZ

O Concello de Foz segue traballando na mellora dos seus recursos electrónicos e na atracción de poboación fixa. Este sábado ás 20 horas no salón de actos do Cenima farase unha presentación de dous novos proxectos que se prepararon durante os últimos meses: un novo banco de fotos municipal e un vídeo para unha campaña promocional que busca atraer poboación que escolla Foz como a súa residencia definitiva e o seu lugar de traballo.

O concelleiro de Turismo, José María Linares, explica que “o banco de fotos créase con intención de que o Concello teña recursos gráficos para a promoción turística, xa que non se contaba con imaxes para a creación de carteis, difusión de recursos e outros traballos. Ademais este é o primeiro paso para a nova web de turismo de Foz, na que se está a traballar”.

A edil de Emprego e tenente de alcalde, Inés López Couto, destaca que “para un concello coma Foz é prioritario fixar poboación e que resulte un lugar atractivo para a xente nova de cara a establecerse e iniciar un proxecto de vida. Temos as condicións para que Foz se converta no lugar de residencia habitual para todas aquelas persoas que teletraballan, que poden exercer a súa profesión a distancia: dispoñemos de fibra óptica da máis alta velocidade nas 9 parroquias, 5 colexios, instituto, centro de saúde, hospital ben preto, oficinas bancarias, servizos e restauración durante todo o ano”.

O alcalde, Fran Cajoto, explica cal é a intención do equipo de goberno con esta promoción: “queremos potenciar unha tendencia que xa se está a manifestar, traballamos para iso. Cando chegamos ao concello apenas superabamos os 10.000 habitantes e agora xa sumamos máis de 10.300 habitantes censados. Foz é un lugar ideal para vivir e temos que estar á altura, as oportunidades hai que aproveitalas. Fíxose un vídeo promocional que reflicte moi ben o que é Foz. Desde o Concello queremos dar as grazas aos profesionais que traballaron e sobre todo a todas ás veciñas e aos veciños que participaron no vídeo e que o fixeron sen ningunha contraprestación; o resultado verémolo en pouquiñas horas nas redes sociais”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here