A licitación das obras de urbanización da rúa Costa do Castro en Foz serán cofinanciadas coa Deputación

A licitación sae por un importe de 569.649,40 euros, dos que o 80 por cento son financiados pola Deputación de Lugo e o 20% restante é con cargo a fondos propios municipais.


O Concello de Foz publicou este luns na plataforma de contratación a licitación da urbanización da rúa Costa do Castro, a subida ao cemiterio. O alcalde, Fran Cajoto, destaca que “é unha obra moi necesaria para un pobo en crecemento e para o que o goberno municipal segue traballando para conseguir o maior número de investimentos”.

O rexedor municipal explica que “o convenio coa Deputación de Lugo permitirá que veciñas e veciños de Foz gocen de máis seguridade nun vial cada vez máis empregado e que conecta tamén o barrio de Marzán co centro urbano”. Coas obras preténdese mellorar o estado desta rúa, con bloques de vivendas e sen unha senda segura para o acceso peonil ao cemiterio.

“Imos converter un camiño urbano nunha rúa ben definida, con beirarrúas de máis de 2 metros de anchura, con novo alumeado público e cos servizos renovados” sinala o alcalde. A licitación sae por un importe de 569.649,40 euros, dos que o 80 por cento son financiados pola Deputación de Lugo e o 20% restante é con cargo a fondos propios municipais.

Fran Cajoto amósase “contento de que comece a verse o traballo que estamos a facer desde que adquirimos a responsabilidade de goberno. Esta obra enlaza co terceiro acceso á vila, proxecto que pretende un acceso alternativo ao núcleo urbano e evitar retencións, diminuíndo o tráfico nas rúas máis céntricas da vila”.

O alcalde engade que o prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o luns 3 de xaneiro de 2022 e “o inicio das obras está previsto para comezos da primavera e, debido á envergadura das mesmas, poden ter unha duración estimada duns 8 meses”.

Cajoto anuncia tamén que o proxecto incide na creación de beirarrúas e na mellora das condicións para a diminución da velocidade coa que os vehículos circulan por esta vía, actualmente estreita e en mal estado de conservación. Na licitación -puntuables para a adxudicación do contrato- inclúense unha serie de melloras no ámbito do proxecto como o aglomerado da rúa Fiallega e a mellora da iluminación, renovación do firme e creación dunha senda peonil na rúa do Cemiterio.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here