Fran Cajoto, alcalde de Foz: “coa nova EDAR debemos pensar no fin último, ter a ría saneada”

O día 15 de decembro o alcalde de Foz celebraba que a Xunta acelerase os procesos de licitación sobre a nova estación depuradora para a localidade da Mariña. Despois de asinar o acordo para a construción en 2016, foi este 2021 cando se dan os pasos máis importantes coa licitación das obras para a nova EDAR. Os obxectivos son eliminar a contaminación da ría e a recuperación medioambiental do ecosistema. En todo caso, o alcalde focense, Fran Cajoto, reclamou á Xunta estar presente cando se redacten os proxectos coa presenza dos técnicos locais.

Fran Cajoto. AXM

-En 2016 asinouse o acordo de construción desta EDAR para foz e agora, en 2021, asínase a licitación. Por que houbo que esperar estes cinco anos?

Quíxose ir por un camiño curto que non correspondía. Tramitouse o estudo de impacto ambiental de maneira simplificada cando non procedía, iso por parte de Augas de Galicia e así se atrasaron todos os prazos. Por iso houbo que facer un novo estudo de impacto medioambiental, un novo anteproxecto e despois Augas de Galicia non cumpriu os prazos. A depuradora debera estar xa funcionando. Falamos de que empezará o servizo segundo o convenio asinado da última venda en 2025. En definitiva, unha tramitación simplificada derivou nun atraso considerable co seu prexuízo, que continúen vereteduras sen tratar á ría de Foz.

-Estas verteduras danan a ría por dobre vía, económica para a pesca e o turismo e ecolóxica. Se desde a Xunta se quere vender Galicia como destino turístico incluíndo as súas rías, porque non hai un maior apoio á creación de máis EDAR?

Penso que até o de agora non había esa presión da Unión Europea e cando esta administración superior ameaza con sancións considerables, iso mobiliza ás administracións locais. Debemos lembrar que o sistema de colectores vai ser responsabilidade dos concellos, mais partimos dunha situación; xa tiñamos unha EDAR insuficiente construída no seu momento por Augas de Galicia e que non soportaba a presión demográfica de Foz, por iso a necesidade inmediata da nova depuradora. Ademais, transmitinlle á conselleira de Infraestruturas a falta de coordinación entre administracións. Non pode ser o de estar botándonos as culpas mutuamente polo atraso dos informes de Costas, o mesmo os informes sectorais ou que o Concello non pon ao dispor os terreos necesarios ou se asuma o compromiso de mantermos as EDAR. Debemos manter reunións reais para coordinarnos e presentar informes, algo ao que sempre estiven aberto. Desde Augas de Galicia tivemos o compromiso, a ver se se cumpre, de formar parte da supervisón da redacción do proxecto construtivo, porque despois o mantemento tócanos a nós. Por iso insisto en manter reuninóns e esquecer por un momento o intercambio de informes ou escritos. Debemos pensar no fin último, ter a ría saneada e non botarnos as culpas uns aos outros.

Falamos de que empezará o servizo segundo o convenio asinado da última venda en 2025

-Por si mesma a Mancomunidade de Concellos da Mariña podería asumir a construción das EDAR?

A Mancomunidade ten uns orzamentos baseados nas aportacións dos propios concellos. Isto implica unha figura que, pola Lei de Bases do Réxime Local, non ten competencias asignadas senón as que lle queiran trasladar os concellos a través dunha entidade superior ou con máis poboación, dar servizos que son competencias municipais. O orzamento da Mancomunidade é escaso e por iso, mediante esta figura territorial, buscamos sacar contratos públicos. Durante a última asemblea falouse da nova fracción orgánica do lixo cuxa implantación debe facerse efectiva e da man de todos os concellos a través dun novo contrato para facelo máis eficiente e para unha poboación maior, polo que esperamos ter bos resultados para algo máis de 70.000 persoas. Por tanto, a Mancomunidade non ten capacidade orzamentaria para afrontar a construción dunha EDAR como é a de Foz, financiada nun 80% por fondos europeos. As mancomunidades e os concellos non xestionan estes fondos, senón as Comunidades Autónomas e por tanto consideramos necesario o seu apoio ás entidades locais para esta finalidade.

-Con todo, non existe unha impresión de querer vender que é a autonomía quen achega os cartos cando en realidade veñen da UE?

Cando falamos de que a Xunta de Galicia dispón ou achega, realmente dispón e achega o 20% dos fondos para construír a EDAR e ademais, tamén é grazas ao diñeiro recadado no Concello de Foz e moitos outros, grazas ao canon da auga que pagamos todos nas facturas. Por tanto, estamos falando dun 20% que aportan os cidadáns e un 80% aportados polos cidadáns europeos. As CCAA xestionan eses fondos, aínda que tamén podería ser a FEMP ou a FEGAMP, figuras totalmente válidas para facelo. Por tanto, o 80% do noso agradecemento vai para a UE, á Xunta tamén e á súa xestión, mais non debemos esquecer este punto para así ter informada a toda a cidadanía como corresponde.

Desde Augas de Galicia tivemos o compromiso de formar parte da supervisón da redacción do proxecto construtivo, porque despois o mantemento tócanos a nós

-Cando se poña en marcha, a medio prazo cales son as vantaxes para Foz a posta en marcha da EDAR?

Primeiro, non realizar verteduras sen control á ría ou en moi contadas ocasións. No propio anteproxecto anotouse a posibilidade de realizar uns alivios anuais que poderían ser por episodios de choivas instensas. Con isto quero sinalar que en Foz temos unha rede unitaria de saneamento en case todo o casco urbano. Cando imos renovando as rúas xa facemos a separación de pluviais e fecais, mais levará tempo completalo. Mais sobre todo, a vantaxe estará na ausencia de verteduras na praia de Llas, tampouco na ría ademais de termos un tratamento axeitado das augas para non teren elementos contaminantes. Non se trata de cumprir parámetros ou ser mellores para que non nos multen, senón que coidemos o medioambiente e ser referente en pensar na nosa contorna.

-A instalación da EDAR podería reimpulsar en certa medida a explotación marisqueira e pesqueira da ría de Foz?

Si e o certo é que ás veces en Foz vedouse o marisco por problemas de saneamento e tamén uns problemas de acumulación de area que traen dificultades para explotar os bancos marisqueiros. Isto vén da construción dos malecóns que modificaron as correntes na ría. Somos conscientes que o problema para o marisqueo non pasa só cunha depuradora senón o cambio nas correntes.

-Esta EDAR implica a construción dun emisario submarino para levar as augas depuradas mar adentro?

Non se menciona un emisario senón que a auga sairá completamente depurada, máis que emisario estamos falando dunha tubaxe que emita auga directamente e permanecerá por debaixo da liña de marea e cunha distancia de 500 metros. Iso si, sempre falamos de auga depurada e por ese motivo queremos ir cos nosos técnicos revisar ese proxecto.

a vantaxe estará na ausencia de verteduras na praia de Llas, tampouco na ría ademais de termos un tratamento axeitado das auga

-Cal é o monto total deste proxecto?

En total doce millóns douscentos mil euros, iso sen contar os terreos expropiados, tarefa que realizará o Concello. Para isto pediremos a execución urxente á Xunta mediante a súa delegación territorial e todo para non dilatar os tempos máis do debido.

-Para cando se prevén as primeiras actuacións de construción?

Estamos a falar de comezos do segundo semestre do ano 2022 a adxudicación, tres meses que nos parecen moi escasos, pesamos que se vai prolongar a redacción do proxecto construtivo, porque sae na modalidade de proxecto e obra. Os comezos das obras serían cara finais do ano que vén.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here