O alcalde de Foz lembra que a residencia de maiores volverá ser xestionada pola Xunta e critica as palabras do voceiro ‘popular’

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, sinala que PP votou a favor desta medida no pleno do 26 de novembro de 2020 e "agora retráctase".


O alcalde de Foz, Fran Cajoto, di que o voceiro do Partido Popular enméndase a si mesmo coa residencia de maiores, que volverá ser xestionada pola Xunta de Galicia ao expirar o convenio asinado.

“Se deixamos que nos siga tomando o pelo, quedamos calvos”, manifesta sobre o voceiro do PP o rexedor municipal focense, quen engade que “isto xa parece unha campaña orquestrada na que todo vale. E non, non todo vale. Non imos permitir xogar co medo dos traballadores da residencia ou coa necesidade que teñen os nosos maiores dunha praza digna nela. Creo que chegou o momento de plantarse e esixir responsabilidades e a calidade dos servizos públicos, xa está ben. Estamos traballando moi duro para que cando os expedientes están próximos a saír se infundan bulos malintencionados, nosoutros non vamos xogar a esa política”.

O alcalde de Foz móstrase indignado coas declaración do voceiro do Partido Popular en relación á residencia de maiores porque “o PP votou a favor no pleno do 26 de novembro de 2020 do expediente número 1188/2020 (Aprobación, si procede, do ditame da Comisión Informativa de Asuntos Preparatorios sobre Prórroga do Contrato de Concesión da residencia e Centro de Día do Concello de Foz). No punto terceiro o acordo incluía: Comunicar ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que unha vez rematada a prórroga autorizada mediante o presente acordo e finalizada a vixencia do Convenio de Colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Foz para a xestión do fogar residencial e centro de día do Concello de Foz, o servizo de Residencia e Centro de Día de Foz pasará a ser asumido polo Consorcio”.

Fran Cajoto engade que “agora, en abril do 2022, retráctase da súa votación e fala de teimas persoais. Pido respecto para o pleno, que é o máximo órgano de decisión e representa a toda a corporación municipal e a todos os veciños. No pleno o Partido Popular ao completo votou a favor de que a Xunta de Galicia exerza as súas competencias e xestione a residencia como lle corresponde, pero agora retráctase en prensa”.

Ademais o alcalde explica que o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar foi informado o 30 de novembro de 2020 deste acordo plenario e o 27 de xaneiro deste ano 2022 volveuse reiterar a comunicación ante a ausencia de resposta. “O convenio ten unha vixencia e unhas datas, existe un acordo plenario e agora o Partido Popular fala de deixamento do goberno local, cando é o Consorcio o que non está a actuar. Para a próxima o PP pedirá que xestionemos os colexios públicos ou os centros de saúde, xa que non hai médicos. O voceiro do PP non acude ás comisión informativas e esquécese dos plenos, isto non é serio. Non podemos falar sen datos, sen pudor, esparcindo rumores de forma maliciosa. As traballadoras e traballadores poden ter a tranquilidade de que deberán ser subrogados con xestión municipal ou con xestión autonómica, que deixe de infundir medo. Ademais buscamos que unha residencia pública non sexa unha residencia elitista senón que teñan a posibilidade de acceder persoas con pensións modestas, como ocorre en Foz: estamos a falar de que de 1.375 euros que se pagan actualmente por un dependente de grao III pasaríamos ao pago dun 75% da pensión, que na maioría dos casos son bastante máis baixas. Debemos gobernar para todos, non para uns poucos”.

“O gran problema da residencia de Foz é que naceu moi pequena. Temos 40 prazas, todas ocupadas, e a data 27 de marzo había 89 persoas en lista de agarda, un despropósito. Queremos que a residencia se amplíe: cando llo pedimos á conselleira Fabiola García en novembro do ano pasado había 50 persoas en espera. Se a Xunta non exerce as súas competencias e non inviste en residencias isto é insostible. Imos ter un grave problema social e parece que o Partido Popular quere silencialo. Para min é un escándalo”, remata Fran Cajoto.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here