Foz organiza unha gala musical solidaria co pobo de Ucraína entre outras actividades no Día do Libro

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “o día 23 as librerías focegas sacarán os seus libros á rúa e compartirán cultura nas casetas instaladas na praza da Glorieta de Vilalba".


O Concello de Foz organiza este sábado, día 23,  diversas actividades durante as dúas últimas semanas de abril en relación ao Día do Libro. O domingo haberá un concerto solidario a prol do pobo ucraíno.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “o día 23 as librerías focegas sacarán os seus libros á rúa e compartirán cultura nas casetas instaladas na praza da Glorieta de Vilalba. Alí poderá achegarse todo o mundo para mercar as novidades editoriais así coma os clásicos. Ás 18 horas o contacontos Pablísimo ofrecerá un espectáculo para os máis pequechos da casa na mesma praza da glorieta de Vilalba, actividade que en caso de choiva se trasladará á Biblioteca Municipal Salgado Toimil. Continuando coas nosas letras, o sábado 30 será a escritora Andrea Maceiras a que se achegará a Foz, ás 12 horas na Casa da Cultura. Con ela faremos unha viaxe literaria pola selva de palabras e achegaranos ao mundo dunha escritora. Tamén asinará libros a todos aqueles que o desexen”.

O domingo 24 será a quenda da música. A aula coral da Escola de Música Municipal Arcadio Mon ofrecerá a todos aqueles que se acheguen á Igrexa parroquial de Foz a partir das 17.30 horas un concerto solidario a prol do pobo ucraíno, “que está a sufrir a barbarie dunha guerra inxusta e arbitraria”. Tódalas doazóns recadadas serán entregadas á ONG ACNUR. Este concerto está organizado pola Escola de Música, o colectivo MOVART e o Concello de Foz. O alcalde, Fran Cajoto, agradece ao director da Escola de Música, Felipe Sánchez, “a implicación e a iniciativa para facer este gran acto solidario, de axuda e de apoio a un pobo que sofre os efectos dunha invasión cruel e devastadora. A linguaxe universal da música vai falar o domingo, parabéns!”.

Inés López explica que “para o Concello é máis que positivo colaborar con todos aqueles que manteñan inquedanzas culturais, aportando ao pobo e sementando cultura, moi necesaria en tempos coma os actuais. É imprescindible achegar os libros aos máis pequenos e que se beneficien do marabilloso hábito da lectura, para o que contamos coa colaboración das librerías de proximidade.”

No evento do sábado 30 con Andrea Maceiras, o Concello de Foz sorteará dous lotes de libros entre todos aqueles que se acheguen á Casa da Cultura. Fran Cajoto invita a todos a achegarse a Foz: “animo a veciñas, veciños e visitantes a participar da cultura focega nesta fin de semana. A cultura, en calquera formato, é sempre a mellor opción”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here