Axentes da Garda Civil prestaron este luns os primeiros auxilios a un home con síntomas de afogamento tras atragoarse no transcurso dunha comida nun local de hostalaría de Foz.
Segundo narrou o corpo, os axentes escoitaron unha persoa “pedir auxilio desesperadamente” e acudiron “rápidos ao lugar” do feito, onde un home se atragoou con comida e estaba tirado no chan con síntomas de afogamento.
Os efectivos comprobaron que a persoa tiña pulso, pero non respiraba e presentaba “palidez no rostro”, polo que iniciaron a manobra de Heimlich en repetidas ocasións. O home comezou entón a respirar minimamente, aínda que seguía estando semi-inconsciente, tras retirar parte da comida que tiña atascada na garganta.
Tras esta primeira asistencia, fíxose cargo do paciente o persoal sanitario desprazado ata o lugar, que lle retirou máis alimentos atrancados nas vías respiratorias e evacuouno ao Hospital de Burela.