BNG e PSdeG oporanse ás rebaixas fiscais para o parque eólico de Norvento en Mondoñedo

A oposición cre que o municipio "non se pode permitir perder 110.000 euros en tributos" e En Marea solicita a paralización cautelar das obras

A maquinaria comezou este mércores os traballos de construción do parque. AXM

O pleno de Mondoñedo debaterá este venres a declaración de especial interese municipal do parque eólico de Sasdónigas que proxecta a empresa Norvento.

De saír adiante a proposta, a compañía beneficiaríase de reducións fiscais no pago de tributos como o Imposto sobre as construcións, instalacións e obras (ICIO), no Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) e no Imposto de Bens Inmobles (IBI), tal como establecen as ordenanzas municipais tras os cambios introducidos en novembro pasado para incentivar a implantación de empresas.

“110.000 EUROS MENOS EN TRIBUTOS”

O BNG e o PSdeG adiantaron que votarán en contra da declaración que, segundo estiman, suporía renunciar a “uns 110.000 euros” de ingresos en tributos.

A OPOSICIÓN RELATIVIZA O IMPACTO ECONÓMICO do proxecto E resalta que norvento xa recibe outro tipo de axudas

“É un luxo que Mondoñedo non pode permitirse”, argumentou o voceiro nacionalista, Eloi Cabanas. O dirixente nacionalista relativizou o impacto económico do proxecto no concello.

Cabanas cuestionou que o parque, de tres aeroxeneradores, supoña a creación de cinco postos de traballo “novos”, como indicou a empresa, ao tempo que explicou que a maquinaria de construción e mantemento da infraestrutura se instalará en terreos de Abadín.

A voceira socialista, Esperanza González, explicou o posicionamento do PSdeG. “Non entendemos a necesidade de facer rebaixas fiscais a unha empresa como Norvento que xa recibe subvencións doutras administracións e que ten millóns de beneficios”, argumentou.

A voceira socialista resaltou que o seu grupo si votou a favor doutras iniciativas para favorecer o crecemento do tecido empresarial no municipio.

EN MAREA PIDE QUE NON SE DEBATA

En Marea –sen representación na corporación municipal- solicitou que non se leven ao pleno iniciativas municipais relativas ao parque en tanto non se resolva o recurso de alzada presentado pola formación contra as resolucións da Dirección Xeral de Enerxía e Minas que autorizaron a construción do parque.

Nas alegacións presentadas o 17 de outubro, En Marea argumenta “unha situación de fraude de lei” na execución do parque afirmando que o proxecto se fragmentou en “fases e parques con tres ou menos aeroxeneradores” para evitar a cota tributaria do canón eólico.

DENUNCIA CONTRA O INICIO DAS OBRAS

Á espera da resolución do recurso, En Marea tamén pediu a paralización cautelar das obras iniciadas este mércores en Cesuras, na parroquia dos Remedios.

en marea asegura que os traballos “non contan coas licenzas pertinentes”

O voceiro de En Marea, Manuel Germade, asegura que os traballos “afectan a zona de protección do Camiño Norte” e que “non contan coas licenzas pertinentes”. A situación foi denunciada ante o Xulgado de Mondoñedo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here