O sacerdote burgalés Fernando García Cardiñanos será ordeado bispo e tomará posesión da diocese de Mondoñedo-Ferrol o próximo 4 de setembro ás 11,00 horas. O programa de actos previos á ordenación prevé que o relixioso chegue a Mondoñedo procedente de Ferrol ás 9,15 horas. Nese momento, a igrexa-santuario da Santísima Virxe dos Remedios repicará as súas campás. A continuación, será recibido pola corporación municipal na Praza do Concello, para dirixirse despois á Praza da Catedral e comezar a celebración.
O acto estará presidido polo arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio Barrio, quen será o ordenante principal; o nuncio apostólico; e o arcebispo emérito de Burgos. Ademais, tamén estarán presentes outros dous arcebispos, quince bispos nacionais e dous bispos de dioceses suramericanas en Ecuador e Bolivia.
Ademais, á ordenación tamén asistirán, entre outros, o presidente da Deputación de Lugo; o vicepresidente da Deputación de Burgos; a subdelegada do Goberno en Lugo; o almirante do Arsenal de Ferrol; o comandante da Forza de Protección da Armada; os delegados da Xunta de Galicia en Lugo e A Coruña; os alcaldes de Mondoñedo e Foz, e o tenente de alcalde de Viveiro.
Para o 5 de setembro ás 17,00 horas está prevista a eucaristía de entrada na sede ferrolá, que levará a cabo na concatedral de San Xiao de Ferrol. A cerimonia será retransmitida en directo a través da canle diocesana de Youtube e contará cunha cobertura especial en redes sociais.