InicioEn ProfundiadeEdmundo Maseda: "Nos próximos anos haberá unha demanda moi alta de casas...

Edmundo Maseda: “Nos próximos anos haberá unha demanda moi alta de casas rurais no Valadouro”

Edmundo Maseda é o alcalde do Valadouro desde 2013. Dedicado profesionalmente á agricultura e ás novas posibilidades que esta ofrece, está convencido que pasada a pandemia haberá unha demanda de turismo interior no seu concello. Por outra parte, a necesidade de arranxar as comunicacións coa parte occidental da Mariña, así como a construción do corredor a Ferrol, son dúas obras moi importantes para O Valadouro, apunta Maseda.

Publicada o

- Advertisement -

 

-Como valora a situación de desenvolvemento do Valadouro en comparación ao resto de concellos da comarca?

Estamos dentro da mesma liña que os demais municipios, só que agora coa pandemia vivimos unha situación de in pass, quitando isto último existen unha serie de oportunidades que se se saben aproveitar poden materializarse para ben. Mais insisto, todos estamos expectantes coa COVID, pois non é momento para facer moitos plans porque isto cambia de cada pouco. Cando isto se estabilice, as persoas con intención de emprender poderán ver máis espectativas para as súas iniciativas. Se ao final resulta así, as previsións do concello co chan industrial ademais de sumarlle unha serie de servizos, poderemos mellorar economicamente. Polo de agora arriscarse é complicado pois xa vemos canto pasa coa subministración de materiais. Antes da pandemia había moita xente con ganas de emprender e de súpeto a COVID freou todo en seco, por iso falo de esperar que acabe todo isto.

-Falaba de chan industrial, O Valadouro conta con polígono industrial ou están mercando espazo para a súa creación?

Non, xa o estamos xestionando. Temos demarcados 85.000 metros cadrados e precisamente estes días chegou a información da Xunta de que chegou o borrador do proxecto para cambio de emprazamento da área industrial. Esta área estaba localizada xunto ao cementerio nun proxecto antigo e que resultaría inviable tanto en consumo de enerxía como en conexións. Isto non sucede xunto ao campo de fútbol onde mercamos terreos máis axeitados.

Antes da pandemia había moita xente con ganas de emprender e de súpeto a COVID freou todo en seco

 

-Hai un dous anos era noticia o incremento de alumnos nos colexios do Valadouro. Como é posible isto nun momento en que a tendencia é ao revés?

Foi posible a un grande esforzo que nos vai permitir reter poboación, cousa moi difícil nestes tempos, sobre todo nun concello do interior. Cando chegamos á alcaldía vimos que o número de alumnos estaba caendo moi rápido e de aí que fixeramos un esforzo para crear bancos de libros ou gardarías, todo gratuíto. A idea era iso, reter a xente que temos aquí facilitándolle as cousas ás familias. Porque se traballas lonxe de aquí, con dificultade para criar os teus fillos, a solución é ir vivir o máis próximo posible ao centro de traballo levando os nenos a un colexio cerca de onde traballas. Por iso analizamos que en dez minutos ou quince estás en calquera sitio da Mariño. Se vas para o traballo ás oito da mañá e podes deixar os teus fillos ata as seis da tarde aquí, as familias permanecen no Valadouro.

-Esta iniciativa trouxo a creación da vivenda?

A creación de vivenda non se correspondeu coa demanda da mesma, sobre todo para as empresas privadas de construción por culpa da crise. Chegamos tarde ao boom da construción pois primeiro foi pola costa e logo cando chegou aquí estourou a crise. Agora mesmo o Concello está inmerso nun contrato para un edificio de vivendas públicas en réxime de cooperativa para a xente, porque a xente necesita vivenda asequible, pois o resto está todo ocupado. Logo quedan as casas antigas, como por exemplo as do casco histórico, que é unha mágoa velas sen ocupar. Non teñen as comodidades que ofrecen as edificacións máis modernas. Tamén debemos ter en conta que eses edificios están en mans de xente de fóra. Esperamos que comece a moverse o mercado pois vemos interese entre xente de fóra, mesmo de fóra de Galicia, para teren unha vivenda propia. Mais o proxecto do Concello é a creación de 50 vivendas para as que xa temos máis de corenta solicitudes. Hai que engadir tamén o atraso na materialización destas vivendas por un cúmulo de cuestións burocráticas.

-Cales son as principais explotacións agrarias que ten O Valadouro a día de hoxe?

A principal é a gandería extensiva. O Valadouro ten unhas condicións exclentes para a cría de carne de calidade. Temos cinco comunidades de montes en man común onde están os pastos para esa gandería, que agora mesmo ten encima a cuestión do lobo para buscarlle unha solución. Aínda así, os terreos son os máis idóneos para a gandería extensiva que é o camiño a seguir fronte a intensiva. Desde o Concello tamén saiu o proxecto de crear unha escola de agricultura ecolóxica debido ás boas condicións climáticas para cultivo baixo invernadoiro, de aí saíu algún proxecto de biodiversidade, mais quedou todo parado por cousa da COVID. No tema forestal son moitas as toneladas que se cortan cada ano no Valadouro.

Agora mesmo o Concello está inmerso nun contrato para un edificio de vivendas públicas en réxime de cooperativa

-Parece que a explotación do eucalipto está nun segundo plano fronte a gandería.

Moito do eucalipto débese á falta de relevo xeracional para levar as explotacións agrarias. As familias seguen apegadas ás súas propiedades e por iso algunhas están a eucalipto ou a bravo. Agora algúns propietarios caeron na conta de que lles compensa alugar para a gandería extensiva. Por outra parte, a plantación de eucalipto ten outras normas sobre todo en limpeza, os lumes son moi complicados e de aí baixou a rendibilidade, por iso penso que algúns montes volverán a ser pasto por que te despreocupas e ten rendibilidade. Non é como cando cada quince anos a terra daba eucalipto aos 15 anos, iso acabouse, agora hai que esperar 30 anos. Se alugas terreos como pasto botas contas e en 30 anos podes dicir que sae rendible. Isto pode dar paso a outros cultivos, ademais de que se están plantando outras especies como o castiñeiro.

-Hai intencións de investimento en proxectos máis innovadores dentro da agricultura?

Sei de empresas de fóra interesadas en mercar fincas grandes para outros cultivos. Por outra parte, a partir dos próximos anos haberá moita demanda dentro do sector do turismo. Existen moitas casas de labradores que atraen o interese de investidores estranxeiros para mercalas e poñelas ao servizo do turismo rural. Temos un grande potencial neste sentido e de aí que pensemos en crear un rexistro de casas desocupadas para metelo na web do Concello e así se poidan visitar. Dependendo dos propietarios poderá destinarse ese lugar a turismo rural ou ben á explotación gandeira, porque insisto, gora mesmo a presión para ter pasto para o gando extensivo é moi alta e creo que os prezos dos alugueres son interesantes.

-Non hai iniciativas que leven a crear iniciativas entre a veciñanza para alugar as casas de turismo rural ou mesmo de maneira individual?

Segue sendo unha cuestión de relevo xeracional. Hai moita xente maior que segue sendo a propietaria. Posiblemente os herdeiros teñan ideas como esa, mais agora mentres vivan os maiores estase á expectativa a ver que sucede. Alén diso, xente máis nova está buscando sitios para restaurar e mesmo restaurar para vivir. Tamén traballar desde a casa é un dos incentivos para vivir en lugares como O Valadouro.

Se alugas terreos como pasto botas contas e en 30 anos podes dicir que sae rendible

-Como valora agora mesmo o estado das comunicacións co resto da comarca e coa Comunidade?

Realmente estamos ben, o único que non demos solucionado é a estrada que nos une con Viveiro porque está en moi malas condicións. Disque hai intención da Xunta para mellorala, a ver se é certo, porque cara a Foz, Cangas e cara a Burela temos boas estradas e a que vai a Viveiro é a única en condicións pouco practicables. O arranxo desta vía permitiría reducir tempos e o tránsito de mercadorías. Agora mesmo a parte de Viveiro está en condicións e a que falta é a do Valadouro. Detrás desta falta de solución está o feito de ser unha estrada estreita, con moito tránsito de madeira ademais de ter moitas curvas, por iso debera facerse un ensanche e mellorar o trazado. Sobre a A-8, non estamos ben comunicados porque foi un erro quitar o acceso na canteira que había cerca de Lourenzá. Así ou tes que ir por Barreiros, ir polo Fiunco ou ir pola Xesta para Abadín. Quedaremos mellor co corredor pois o enlace serán en San Martiño de Foz, por iso pensamos no polígono e desde alí quedaríamos mellor comunicados.

-Antes falaba do lobo e a súa presenza para a gandería, mais non sería tamén un atractivo para o turismo?

O tema do lobo é algo que se está debatendo. Nestes momentos mesmo os gandeiros están de acordo en que se debe ter un equilibrio dentro do que son as especies salvaxes, lobo si, mais na súa xusta medida. O que non pode ser e estar machando aos gandeiros porque os danos son importantes e se isto segue así, a xente abandonará e teremos lobo, teremos abandono e teremos lumes. Falamos de control, non de matar lobos.

o único que non demos solucionado é a estrada que nos une con Viveiro porque está en moi malas condicións

-Cal é o proxecto que quería ter finalizado cando acabe a lexislatura?

Se podemos ter xa a aprobación da Xunta para a primeira vía do polígono, o demais xa estaría en marcha. Comezamos as obras do centro de día e penso que pode estar para o remate da lexislatura, tamén o tema das vivendas e deixar claro para todos os veciños onde se pode edificar e onde non. Na vila de Ferreira é necesaria algunha nova rúa para desconxestionar o centro. Tamén modificar algúns polígonos que estaban pensados para outros tempos, de feito Ferreira construiuse de costas ao río, un erro. O río é parte de Ferreira e poderíamos aproveitar para ter un espazo público.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...