InicioEn ProfundidadeCantigas, romances e lendas gravados en Viveiro: o tesouro dos maiores

Cantigas, romances e lendas gravados en Viveiro: o tesouro dos maiores

O Consello da Cultura Galega vén de colgar na rede pezas da cultura popular de tradición oral rexistradas aos usuarios dos servizos sociais viveirenses no 1992

Publicada o

- Advertisement -

O Consello da Cultura Galega (CCG) vén de colgar na rede unha escolma de audios de ‘A cultura popular de tradición oral nos centros da terceira idade‘, un traballo de recollida realizado no 1992 en xeriátricos de Tui, Ourense, Santiago de Compostela e tamén Viveiro.

Baixo a tutela de Afonso Vázquez-Monxardín realizáronse ducias de gravacións a maiores das catro provincias galegas para documentar un mundo que se ía perdendo, o dunha oralidade daquela aínda separada da escritura e das tecnoloxías comunicativas.

O traballo inclúe cantigas (de xeografía, de gabanza ou desafío, infantís, de Nadal, de Reis ou Aninovo), romances, contos (de animais, de xastres, de curas, picantes ou sentenciosos) ou refráns transmitidos de xeración en xeración coa única ferramenta da palabra falada.

No seu primeiro traballo remunerado, a profesora viveirense Salome Díaz -“a rapaza dos contos”, para os protagonistas- encargouse da compilación na zona oriental da Mariña Lucense, que ofrece 14 pezas. Hai outras 20 gravadas en Compostela, nove en Ourense e 13 en Tui.

Daquela comezaban os servizos sociais en Viveiro, no claustro de San Francisco. Gravamos moito alí e tamén polas casas”, expón a docente, que garda arredor de 25 cintas de cassette de material.

ACOSTUMADOS A CANTAR E CONTAR

Díaz gravou uns 40 informantes, a maioría xa falecidos, de lugares como Bravos ou Miñotos, no municipio de Ourol, así como de GaldoArea, Chavín ou Landrove, do concello de Viveiro.

Obdulia Varela, Xosefa Dopico, Remedios Camba, Carmen Fraga, propietaria do bar A Cepa, ou Encarnación Lamelas legaron, quizais sen sabelo, unha alfaia. Un fresco sonoro dunha sociedade que artellaba as súas relacións en torno á familia, a reunión e a conversa.

Claustro de San Francisco. AXM

Esta xente estaba acostumada a cantar e a contar. Sabían facelo, tiñan unhas técnicas narrativas que non atopamos hoxe”, indica Díaz, que explica que Varela “sabía uns 300 refráns e de cada dúas ou tres frases usaba un. Comunicábase a través deles. Outra informante recitaba un romance de máis de 300 versos”, precisa.

Díaz gravou en Viveiro un arrolo que fala dunha nai solteira, que trouxo Gabino Calvo, e que como moitas nanas agochaba, tras unha melodía doce para durmir aos pícaros, as penurias que pasaban os adultos.

Tamén compilou un canto de Nadal que retrata unha tradición mariñeira, cantado por Encarnación Lamelas, e outro -entoado por Emilia Cao– que reflicte a importancia do Entroido como festa de liberación.

A FAME

Hai varias postais dos tempos da fame. Unha delas, que ofrece Ana Fernández, é ‘Que ganas temos‘ -“a boca sempre aberta / como o camaleón / por se acaso entra / un cacho de lacón / mentres que outros / fartos os ves / como este mundo anda ao revés”.

Outra é o conto de San Antonio e o aceite. Coa lenda sobre unha milagre de Xesuscristo en Area, que explican Carmen e Concepción Fraga, queda patente o fervor cristián. Aínda que, lembra Díaz, os maiores de Mariña occidental tamén lle deixaron un Noso Pai Pequeno, unha burla á relixión imperante na que quenes “versionaron” a oración meteron todas as palabras malsonantes posibles.

Pero a peza máis misteriosa e quizais máis singular é o romance do día 15 de maio, cantado por Remedios e Perfecto Camba, que artella unha historia de casamento a partir dun xogo de palabras que se repite e que non ten un significado concreto.

ANÉCDOTAS

Ao longo das gravacións tamén apareceron anécdotas do Viveiro antigo, como a dunha familia do barrio da Zapatería que tiña un porco cando estaba prohibido que houbese animais nas casas de dentro da muralla.

O cocho enfermou e un menciñeiro díxolles que tiñan que abrigalo para quitarlle o frío. Así que lle puxeron roupa, un pano na cabeza. O animal morreu igual. Para que non os descubrisen resolveron tiralo á ría, vestido. Pero calcularon mal a marea e comezou a correr o rumor de que había unha persoa morta na auga”, expón Díaz.

UNHA “XOIA” ETNOGRÁFICA

As gravacións son parte dun libro con dous cedés publicado no 1998. Para Carme Lamela, que fixo a escolma entre horas e horas de gravacións, o contido é “unha xoia” que non se publicitou o suficiente.

Principalmente a nivel etnográfico, pero tamén no tocante á fonética, que se foi perdendo. Ademais, falamos de xente analfabeta que en moitos casos era prosista e poeta, verdadeiros creadores”, expón.

Era difícil acceder a eles, pero unha vez se soltaban tiñan moitas ganas de contar cousas”, indica Lamela.

A Díaz dálle mágoa que a maioría dos informantes faleceran “sen ver recoñecido o moito que tiñan que ofrecer”. Os fondos do CCG permiten desfrutar hoxe dese tesouro que gardan os nosos maiores, o tesouro da cultura.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...