O viveirense Saúl Jiménez: “a terceira nominación aos Goya é un impulso persoal e profesional”

O mariñao é un dos candidatos aos premios de fotografía na categoría de vodas

O fotógrafo viveirense Saúl Jiménez. AXM

Saúl Jiménez conta as horas para a gala dos Premios Goya de Fotografía que se celebra este sábado en Zaragoza. O fotógrafo viveirense é un dos dez nominados aos galardóns na categoría de boda por unha imaxe a contraluz tomada no pazo de Trave.

“Case confiaba máis noutras dúas (enviou oito para a selección), pero nunca sabes”,  comenta en plena viaxe cara á capital aragonesa.

“ELEGANCIA E SINXELEZA”

A “elegancia” e a “sinxeleza” destacan como marcas do autor na fotografía candidata ao galardón, cuxa maior complexidade técnica reside -explica- no traballo coa diferenza de luz entre o interior e exterior.

“A noiva debe que estar no punto exacto para que quede perfectamente definida e non se perda ningún detalle do vestido“, engade.

A instantánea ten tamén para o fotógrafo unha dimensión emocional xa que a protagonista é a súa “cuñada”. “Fixen moitas vodas alí, pero as circunstancias fixeron que fora tamén desde o principio unha foto especial“, confesa.

Fotografía do viveirense Saúl Jiménez nominada aos Premios Goya na categoría de voda. SAÚL JIMÉNEZ

GALA

Os premios bianuais organizados pola Asociación de Fotógrafos y Videógrafos Profesionales de Aragón (AFPA) son dos máis prestixiosos dos que se convocan na Península.

O nome do pintor realza o certame, ademais de facilitar unha chiscadela aos premios da Academia del Cine española. “Outros anos mesmo tivemos alfombra vermella”, bromea Jiménez.

Polo demais, a posta en escena apenas difire dos galardóns cinematográficos. A gala celebrarase a partir das 19.00 horas en El Centro de Historias de Zaragoza. As nominadas e nominados soben ao escenario para coñecer quen leva o premio da décimo oitava edición do certame.

“As veces creo que pode ser, outras que non. É tan clásica…, non sei”, baralla, sabendo de todos os factores que inflúen na elección dun xurado. El mesmo, mestre fotógrafo, ditou sentenza noutros certames.

TRES NOMINACIÓNS

A emoción das horas previas non é unha novidade para o fotógrafo viveirense, nominado noutras dúas ocasións aos premios, en 2003 e en 2007. “Desta vez, chegoume no mellor momento, despois de dez anos un pouco afastado disto”, comenta.

“Imos polo premio, por suposto, pero as nominacións xa implican un impulso tanto a nivel persoal como profesional. Ves que o teu traballo se valora e na tenda tamén se nota moito”, sinala o mariñao, que continúa en Carlos Fotógrafos unha longa tradición familiar.

“As fotos das nominacións son o mellor cartel de presentación cando veñen a presupostar vodas”, asegura.

A CREATIVIDADE, EN ALZA

A creatividade ten cada vez máis peso nas reportaxes fotográficas dos casamentos, unha evolución facilitada, en parte, pola tecnoloxía.

“Antes nunha voda facianse  uns 150 ou 200 disparos, hoxe podemos facer 3.000“, explica Jiménez, recordando os inicios “con trípode e hasenblog con negativos”.

“Séguense facendo reportaxes máis gráficos nos que se prioriza captar o momento e a espontaneidade, pero a xente demanda tamén este tipo de fotografías, planificadas e estudadas”, comenta.

NOVOS PROXECTOS

A terceira nominación aos Goya de fotografía sorprendeu ao autor en tempos de mudanza, preparando a inauguración dunha nova tenda, “cun estudio máis persoal, con decorados feitos por nos, e un espazo expositivo” na Avenida de García Dóriga, 16.

Jiménez proponse afondar na “fotografía de autor” e na “fotografía decorativa” sen renunciar ao “ti a ti, o contacto coa xente”, o que máis valora da profesión.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here