InicioCulturaO ribadense Suso Peña centrará o ano da banda deseñada na Mariña...

O ribadense Suso Peña centrará o ano da banda deseñada na Mariña Lucense

Tá en Artes impulsará varias exposicións e o artista será proposto para Fillo Predilecto de Ribadeo

Publicada o

- Advertisement -

A asociación Tá en Artes deu a coñecer este mércores a súa programación cultural ao longo deste 2019, na que se homenaxeará ao ilustrador ribadense Suso Peña, considerado por moitos o primeiro galego que se dedicou de xeito profesional á banda deseñada galega.

Deste xeito, a banda deseñada -ou cómic– e a figura do artista mariñao protagonizarán os actos.

Nado en Ribadeo no 1941, Peña formou parte do Grupo La Floresta, na Barcelona de finais dos anos 60, xunto a Carlos Giménez, Adolfo Usero, Esteban Maroto ou Luis Gasca.

Por 25 anos traballou para axencias de banda deseñada de ciencia ficción e aventuras e os seus traballos publicáronse en Europa e en América. Tamén se dedicou á docencia e á fotografía. Faleceu no ano 2005.

NOMEAMENTO

En marzo, o pleno de Ribadeo debaterá a proposta de Tá en Artes de nomear a Peña a título póstumo como Fillo Predilecto de Ribadeo, unha causa que involucrou ata a 17 asociacións ribadenses, segundo precisou a directiva de Tá en Artes.

MOSTRAS

O 13 de abril, Tá en Artes inaugurará unha exposición sobre o ilustrador no seu Ribadeo natal, na que se espera que participen amigos e alumnado dos lugares onde impartiu docencia.

A agrupación impulsará outra mostra no Cenima de Foz entre o 17 de abril e o 17 de maio, na que se buscará tender pontes entre artistas da Mariña Lucense e doutras latitudes.

MACROEXPOSICIÓN

Finalmente, a agrupación traballa nunha exhibición a grande escala sobre a banda deseñada, que podería verse na Mariña a finais deste ano. O colectivo busca financiamento para poder levala a cabo.

o colectivo buscará financiamento para realizar unha exposición de banda deseñada a gran escala a finais de ano

No pasado ano, Tá en Artes homenaxeou ao artista valenciano e afincado en Mondoñedo Juan Puchades Quilis. O 2019 será o ano de Peña e a agrupación ten a intención de, alomenos nos dous próximos exercicios, seguir dando a coñecer a obra dun artista mariñao ao longo do cada curso.

PRIMEIRA REVISTA ESCOLAR DE ARTE

A asociación cultural radicada en Foz presentou tamén a que é a primeira revista escolar sobre arte, que recolle traballos de alumnado de primaria, infantil e secundaria de doce centros educativos da Mariña Lucense.

O alumnado dos centros escolares realizou obras ao longo do curso 2017-2018, que se expuxeron no mes de xuño do 2018 no Cenima. O Concello de Mondoñedo propuxo o primeiro Premio Puchades á creación artística escolar.

TÁ EN ARTES PRESENTOU A PRIMEIRA PUBLICACIÓN DE ARTE FEITA POR E PARA O ALUMNADO

A iniciativa contou co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O colectivo repartirá 250 exemplares entre os centros educativos da bisbarra.

Tá en Artes aspira a que a revista teña carácter anual e que se edite a principio de cada ano escolar. Pretende que conte non só co traballo realizado e exposto o ano anterior polo alumnado e profesorado, senón ademais coa colaboración de distintos creadores que expoñan ideas para traballar na aula.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...