Ribadeo incentiva a creación literaria e plástica cun certame dirixido á mocidade da Mariña

O concurso, para aspirantes de entre 18 e 30 anos, premiará ás mellores obras de poesía, relato curto e artes plásticas que se presenten ata o 12 de abril

Farruco Graña, concelleiro de Cultura, na presentación do certame. AXM

O Concello de Ribadeo convoca por terceiro ano o Certame Xuvenil Literario e de Artes Plásticas. O concurso premiará as mellores creacións nas categorías de poesía, relato curto e debuxo.

A convocatoria diríxese a mozas e mozos dos concellos da Mariña entre os 18 e os 30 anos. Os orixinais poden presentarse ata o 12 de abril.

Os textos deben estar escritos en galego, na normativa oficial. A temática das obras é libre pero valorarase que “teñan perspectiva de xénero e que reflictan aspectos ou elementos de Ribadeo ou da comarca”, segundo se marca nas bases, que poden consultarse na sede electrónica do Concello.

O concelleiro de cultura, Farruco Graña, animou á mocidade a “plasmar as súas vivencias, experiencias e sentimentos” e aproveitar a convocatoria para “dar a coñecer as súas habilidades tanto literarias como plásticas”. Os autores das obras gañadoras recibirán un premio de 500 euros.

Cartel do concurso. AXM

GAÑADORAS DA SEGUNDA EDICIÓN

Na pasada convocatoria, a mindoniense Iria Rivas conseguiu o galardón na categoría de poesía coa obra KM 0, de temática feminista. Laura Requeijo, de Ribadeo, recibiu o recoñecemento en artes plásticas por Ritmo, que ilustra o cartel da convocatoria deste ano.

 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here