InicioCulturaTrástigos, Mozandeo, O Piago Negro: coñece o último estudo sobre a toponimia...

Trástigos, Mozandeo, O Piago Negro: coñece o último estudo sobre a toponimia de Trabada

A investigadora trabadense Xulia Marqués, que ten documentado 16.000 nomes de lugares do municipio, asina a publicación, incluída na serie Terra Nomeada de Real Academia Galega

Publicada o

- Advertisement -

Este martes presentouse na sede da Real Academia Galega (RAG) o volume “Toponomia de Trabada”, que recolle 164 nomes de núcleos de poboación do municipio. O estudo, asinado pola filóloga Xulia Marqués, forma parte da serie divulgativa Terra Nomeada, que pretende achegar o publico á orixe e ao significado dos topónimos de Galicia.

Así, cada entrada inclúe información sobre a etimoloxía da palabra e unha exposición sobre a súa motivación semántica, na que se argumentan as razóns polas que cada lugar recibe o nome.

Na maioría dos casos, fan referencia a aspectos relacionados coa topografía e á configuración do chan (Outeiro, O Val, O Pedregal, As Lamas, Barreiros ou O Pedregal), coa presenza de auga (O Rego, A Lagoa. O Río ou Fontán) ou coa vexetación e os cultivos (O Acevedo, Louredo, A Carballeira ou O Chao dos Nabais).

“Moitas das formas son facilmente interpretables para os falantes porque forman parte da linguaxe común”, comenta a investigadora trabadense. Con todo, o corpus toponómico do concello tamén rexistra referencias singulares.

“TOPÓNIMOS ESCUROS”

Neste senso, a publicación recolle nomes únicos como o de Trástigos, que non se ten documentado en ningún outro lugar en Galicia, nen sequera na toponimia menor.

“Definímolos como topónimos escuros porque nos resulta difícil a súa interpretación á luz da documentación da que dispoñemos, sen embargo xa figura nos repertorios oficiais desde o século XIX“, expón a filóloga, que sinala unha posible ligazón coa palabra latina “tristega”, que significa faiado.

Trástigos e Mozandeo son algúns dos nomes máis singulares do corpus toponímico de Trabada

Outra das singularidades é Mozandeo, sobre o que se formulan diferentes hipóteses. Así, argúmentase que procedería da locución monte de San Deus e emparéntase co topónimo Montesandeu, rexistrado en Cuntis.

TRABADA E ABRES, DOS MÁIS ANTIGOS

A publicación tamén achega datos sobre as primeiras fontes documentais que recollen os topónimos. O Tombo de Lourenzá, o Arquivo da Catedral de Mondoñedo e os rexistros dos mosteiros de San Martiño de Vilaourente, Santa María de Meira, de Vilanova de Ozcos ou Santa Clara de Ribadeo son, canda o Castastro do Marqués de Ensenada, as principais referencias.

O primeiro rexistro documental de Trabada data de finais do século VIII, e de Abres, nome do río Eo no curso baixo, do X

O nome propio do concello, Trabada, relacionado co uso metafórico de táboa como superficie plana, é un dos máis antigos. O primeiro testemuño escrito atopáse Diploma do rei Silo, do ano 775, no que se autorizaba a edificación dunha casa de oración entre os ríos Eo e Masma. Na descrición do lugar, figura o topónimo “Tabulata”.

Nese manuscrito orixinal, tamén aparece O Piago Negro na súa forma latina “Pelagum Nigrum”, que xunta o nome piago, pozo grande dun río ou sitio de moita profundidade, co adxectivo negro, que reforza a idea de fondura.

Sublíñase tamén a antiguidade da voz Abres, de orixe prerromana, coa que se coñecía o curso baixo do río Eo e que aparece en topónimos como A Ría de Abres ou A Veiga de Abres. Os rexistros documentais máis antigos corresponden a finais do século X.

“NOVOS TOPÓNIMOS”

Un dos aspectos máis novidosos da publicación de Marqués é o repaso das denominacións recollidas nos repertorios oficiais para cada núcleo nos últimos dous séculos, desde 1810 ata 2003, data da última actualización do Nomenclator de Galicia.

O volume recolle trinta topónimos que se incorporarán por primeira vez ao Nomenclator de Galicia na súa próxima actualización

A publicación inclúe case unha trintena de nomes que ata agora non se incluiran nos rexistros e que se incorporarán na próxima revisión. RieloBoavista, As Grupilleiras ou Vilarpercide son algúns deses “novos topónimos” sancionados pola Real Academia Galega.

RASGOS DIALECTAIS

No repertorio tamén podemos rastrexar algunhas das características propias do galego nororiental comúns ao asturiano. Aínda que, por norma xeral, nos rexistros oficiais se eluden as variantes dialectais en favor da forma normativa, atopamos toponónimos como O Carballín, O Espín ou O Muín Queimado coa terminación -ín no canto de -íño.

“PATRIMONIO EN RISCO”

Toponimia de Trabada recolle os coñecidos como topónimos maiores, que nomean núcleos de poboación, pero o seu contido procede dunha inxente investigación realizada pola autora para a súa tese doutoral, que inclúe a microtoponomia -nomes de terras, montes, regos, fontes, leiras, camiños,…- e que recolle 16.000 formas.

Os cambios nos usos da terra, a reconfiguración que supuxo a concentración parcelaria e a decadencia demográfica ameazan este patrimonio, explica a autora, que leva dúas décadas dedicada á investigación neste ámbito.

Marqués documentou 16.000 topónimos trabadenses na súa tese doutoral, publicada en 2006

65 INFORMANTES

“Para a tese traballei con 65 informantes das oito parroquias, que coñecían cada metro polo seu nome. Hoxe non queda case ningúen”, lamenta.

“Trabada é un caso singular na medida en que esas formas foron documentadas, pero na maioría dos lugares eses topónimos menores son un patrimonio en risco”, conclúe Marqués, que foi secretaria da Asociación Galega de Onomástica e da Revista Galega do Ensino.

A propia autora contribuíu a divulgar esta riqueza patrimonial na escola coa publicación  Enredando nos topónimos con Rodari (2008).

Presentación dos novos estudos da RAG.

TERRA NOMEADA

Toponimia de Trabada forma parte da colección Terra Nomeada, editada pola Real Academia Galega (RAG) en colaboración coa Asociación Galega de Onomástica.

Canda o volume asinado por Xulia Marqués presentáronse os dedicados aos concellos de Rábade e Begonte -nunha única publicación-A Estrada e Ames, que se suman ao que inaugurou a serie, sobre a toponimia de Agolada.

A PONTENOVA E RIBADEO, EN PROXECTO

O presidente da RAG, Víctor Freixanes, avanzou que están en proxecto os números centrados nos municipios da Pontenova e Ribadeo.

A serie ambiciona divulgar o repertorio toponímico de Galicia, un territorio especialmente rico neste patrimonio inmaterial cuns 40.000 nomes de entidades de poboación, a cuarta parte dos de España e mil máis que en todo Portugal.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...