Sés: “Os galegos temos algo de ‘indios buenos’, de abrir a porta aos rubios e vernos como estranos”

A cantautora coruñesa presenta o sábado en Ribadeo 'Rabia ao silencio', no que canta a Mercedes Sosa, Atahualpa Yupanqui, Zeca Afonso ou Fuxan Os Ventos

Sés. AXM

A cantautora María Xosé Silvar, ‘Sés’ (A Coruña, 1982), puxo a música popular galega patas arriba a base de talento e personalidade. O vindeiro sábado ofrecerá en Ribadeo outra faceta de si mesma. Presentará (auditorio Hernán Naval, 21.00 horas) ‘Rabia Ao Silencio‘ (2019), un disco no que repasa cancións que son crónica das loitas sociais do século XX e que seguen a ter vixencia no noso tempo.

P. Unha artista que acostuma a cantar as súas propias cancións, cunhas letras que teñen un peso importante dentro da súa obra, fai por primeira vez un disco de versións. Por que agora?

R. En primeiro lugar, eu non o concibo como un álbum de versións, porque non pretendía ser transgresora a nivel musical, darlle a volta a esas pezas. Para min é un disco de transmisión, de difusión dun legado. Quería levar ao galego un corpus artístico que aquí descoñecemos.

‘Rabia ao silencio’ naceu como un espectáculo de homenaxe a xente que me empurrou a pensar musicando, para recoñecer unha débeda contraída. Non ía ter forma de disco máis alá dos concertos, pero miñas irmás dicíanme que igual a xente quería escoitar esas cancións na casa. Para min foi facer unha pequena concesión.

“non son versións, non quería ser transgresora. pretendía levar ao galego e ao noso tempo un corpus artístico que descoñecemos”

DISCO NO 2020

Porque non faltan cancións. Prevés disco para 2020.

Si, hai disco para o 2020 seguro, se non morro (risas). Foron cinco xiras seguidas, ía descansar e traballar no meu álbum, pero tiña ganas de facer este espectáculo e parecía que o momento era agora. E a verdade é que nin cunha bola de cristal podería predecir que ía coincidir cun tempo tan convulso e sociopoliticamente tan mediocre.

ELECCIÓNS XERAIS

Falas do contexto político no que sae o disco. O pasado domingo foron as eleccións xerais. Que sabor de boca che deixaron?

Pois non vexo razóns para aledarnos, aínda que pola tarde (o domingo) sentíame realmente mal polo que poidera pasar, porque temía o peor. Dígoche que foi a primeira vez en tres meses que puxen a televisión.

Paréceme que non ter representación galega no Congreso é devastador. Temos 24 deputados que son nazis, iso di moito de cal é a situación. Alivio… pouco ou ningún. Deberamos mirar máis a Euskal Herria e a Cataluña, que foron a contención da ultradereita, iso dino os datos. Desde Galicia deberamos ser humildes e aprender deles porque deron unha lección de amor propio, dignidade e de xustiza social.

“En galicia deberamos ser humildes e aprender de euskadi e cataluña, que deron unha lección de amor propio e taponaron o fascismo”

‘Raiba ao silencio’ é un disco de cancións comprometidas co tempo e coa sociedade da que xurdiron.

O disco é unha apoloxía do contido. Hoxe en día chámaselle profesional a un músico indiferente, individualista, que non se posiciona, que anda na misa e repicando. As pezas falan de lacras que seguen presentes, como o caciquismo, a corrupción, o racismo, a globalización sen alternativas. Da falta de alfabetización, que esta aí, en moitos lugares do mundo no noso tempo. Lacras que non sentimos como propias, erradamente.

Tamén creo que o álbum é unha apoloxía da humildade, de ser pequeno pero ser en calquera caso, sen ter que ver co tamaño. Son unha persoa totalmente humanista.

“o álbum é unha apoloxía do contido. hoxe en día chámaselle profesional a un músico indiferente, individualista, que anda na misa e repicando”

Boa parte das cancións proveñen de Latinoamérica. De onde xorde esa paixón?

A música de Latinoamérica escoitábase na miña casa, aínda que a miña familia púxome máis ben sobre a pista, porque escoito eu máis da que escoitaban eles. Eu son oínte compulsiva de música. Tamén vexo moitos paralelismos con Galicia; temos o mesmo colonizador e o mesmo comportamento de “indio bueno”, desa maldición de La Malinche: “hoy siguen viniendo rubios y les abrimos las puertas / (…) pero si llega cansado un indio / de andar la sierra / lo humillamos y lo vemos / como extraño por su tierra”. E tamén quería reivindicar ese orgullo de pobo humilde que cantou contra o patrón e contra o cacique.

Como foi a escolla das cancións?

Non quería hits, porque o peso referencial do hit é excesivo, e que houbese un reparto xeográfico. Barallei algunha noutro idioma, como o italiano, pero non quería que soasen ortopédicas en galego.

“”rabia ao silencio’ fala da humildade. de ser con orgullo, sen ter que ver co tamaño”

E a tradución das letras?

O traballo de tradución levoume moitas horas, igual máis ca escribir un disco meu. Pode parecer o contrario, pero eu non son ousada. Traducir a persoas que admiro resultoume difícil. Para min, gravar unha letra de Benedetti (fala de ‘Serei curiosa’, popularizada por Quitín Cabrera ou Facundo Cabral), alguén a quen teño un respecto e unha admiración fonda… O día antes de entregar o máster do disco retrasei o envío por un verso, por unha palabra, que crin que debía cambiar.

“a tradución destas pezas levoume moitas horas e o directo é duro emocionalmente. quero ser respectuosa con ese legado. se sae mal, lévoo peor”

O DIRECTO

Sentes esa mesma responsabilidade en directo?

Si. É duro emocionalmente. Quero ser respectuosa con ese legado. Se un concerto de cancións miñas sae mal, pódoo dixerir, pero neste, se sinto que non transmitín ben o que me transmitiu esa xente, lévoo peor.

Subliñas que o teu papel neste espectáculo é de transmisora, non de protagonista. Nin sequera te consideras unha intérprete.

Eu non me considero unha intérprete, porque non podo engadir beleza vocal a unha canción como ‘Raro froito‘. Ese aroma de jazz que lle daba Billie Holliday. Pero si a podo cantar con honestidade. A pista está gravada coa miña guitarra e voz e non considerei oportuno que tocase Tito (Calviño) nesa peza.

Calviño (guitarra) e Sabela Galbán (voz, acordeón e frauta) son a compaña de Sés no disco e no directo.

Non teño maior pretensión que a de exercer de ponte. Difundir o legado de xente que nos deixou grandes valores: Atahualpa Yupanqui, Víctor Jara, Mercedes Sosa, o Zeca, Fuxan os Ventos… Tentar que a alguén lle impacten tanto como ocorreu comigo.

“neste proxecto son unha ponte, sen pretensións. tento que yupanqui, o zeca ou mercedes sosa impacten tanto ao público como pasou comigo”

E como reacciona a xente ante esa outra faceta de Sés?

Pois hai a quen non lle gusta, por suposto. Hai xente a quen non lle presta ‘Porco Blues‘, que me di que me debera levantar cando facemos un rock e me tiro polo escenario, que ando arrastro, ou que berro (risas). Eu son ecléctica escoitando música e moita da xente que me escoita tamén o é, pero hai outra que non e ten outras preferencias.

Nunca sabes tampouco. Aos nenos que veñen aos concertos pregúntolles se lles pareceron tan divertidos como outros anteriores aos que viñeron, porque me dá a sensación de que poden resultarlles máis aburridos. E ás veces é coma se os ofendese coa pregunta (risas). A un de dez ou once anos, que é moi curioso, díxenlle se polo menos aprendera algo, porque no libreto do disco explico a historia dos temas. E respondeume que faltaba información (risas).

“pensaba que para os nenos estes concertos podían resultar máis aburridos. ata que un me dixo que o libreto do disco levaba pouca información”

RACISMO

Referíaste a unha peza fermosa e dura do disco, ‘Raro froito’. Ou ‘Strange fruit’, que popularizaron Billie Holliday ou Nina Simone, sobre os linchamentos no Sur dos Estados Unidos (“corpos negros move o ar / un froito raro as árbores dan”).

Aí está o supremacismo. Pensamos que o racismo xa non é algo noso, e se lle preguntas a calquera persoa negra dirache que esta aí. Hai dez anos dicíase que en España non había ultradereita. Lembraste? E agora uns falan da “derechita covarde” e outros de que “a min non me miran aos ollos”.

A discriminación pola cor da pel séntea quen a padece, igual que do machismo pódeche falar unha muller. Séguese a penalizar ás mulleres vehementes, ás que se expresan sen cancelas. A min custoume moito non castigarme, respectar o meu dereito ao enfado, por suposto cando é xustificado, diante de situacións que son insoportables e que xeran impotencia, cada día. Cando era pequena, dicíalle a miña nai “tú non me mandas” (risas). Se hai alguén a quen lle consentiría mandar será a miña nai, quen pode limitar a miña expresión?

“pensamos no racismo como algo que nos é alleo, erroneamente. o mesmo co machismo. séguese a penalizar ás mulleres que se expresan sen cancelas”

MACHISMO

Pero as mulleres fostes conquistando espazos, a pesar de todas as tentativas de desacreditar o movemento feminista. Hoxe, salvo xente reaccionaria, xa non se considera o feminismo como algo pexorativo.

Pois eu non vexo ningunha razón para ser optimistas. O feminismo conquistou espazos en xente dun perfil moi baixo. Quenes son as mulleres que mandan? As que teñen un carácter máis pacífico e menos agresivo, “de boa muller”. Ou ben que non molestan ou que son máis papistas có Papa, como foi Thatcher.

Fíxate na música. Escoito cada día que a cousa mellorou moito. E cantas mulleres hai que fagan as súas cancións? Cantas produtoras? Imos cara atrás. Nos 90 estaban Alanis Morrisette e Shakira cantando as súas cancións en vaqueiros. Onde vai agora Shakira? Bailando nunha xaula.

“escoito cada día que a situación das mulleres na música é mellor. nos 90 shakira escribía temas en vaqueiros e agora baila nunha xaula”

Di Virgine Despentes en ‘Teoría King Kong‘ que os homes denuncian as inxustizas sociais e raciais e son indulxentes coa dominación machista. Que a converteron, a través do amor romántico, nalgo poético. Iso non cambiou, mesmo entre a esquerda. Ves homes con camisolas do Che ou do black power, pero algún coa camisola feminista? Parece menos importante ou menos urxente. Segue habendo mulleres en ducias de países ás que lles cortan o clítoris e non pasa nada…

A partir de aquí, a conversa alóngase pracenteiramente sen rumbo fixo. E fálase dos 25 segadores da Órrea que seguen vivos e que poderían protagonizar a súa lectura de ‘Brazos para a seitura’, de Fuxan Os Ventos, do tempo no que a artista serviu en churrasquerías (“son unha privilexiada, porque traballo do que me gusta”), do saco de boxeo que ten na casa, de por que admira a Rosalía (neste caso, a catalana) ou do significado das tatuaxes que leva.

Falta espazo para plasmar na entrevista a xenerosidade de Sés, tanto en argumentos como en sinceridade. Tamén no tempo concedido para a entrevista, que comeza ao mediodía e remata case ás cinco da tarde. Como ocorre coas boas conversas, sen acordarse de comer entre medias.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here