Durante boa parte do século XX, a romaría do San Antonio da Rigueira -que se celebra este mércores– foi un dos eventos relixiosos e festivos máis populares do norte de Galicia. A cita xuntaba nesta parroquia de Xove a centos de romeiros, procedentes de todos os recunchos do municipio, de concellos veciños e tamén de lugares como Ferrol ou A Coruña.
O poder de convocatoria do santo decaeu desde os 70, cando a festa estivo a piques de desaparecer, pero volve estar en plena forma: desde hai nove anos, o goberno local impulsa un proxecto de recuperación da romaxe que multiplicou o número de participantes.
OITO ROTEIROS
A chave do éxito foi recuperar oito roteiros de peregrinación á Rigueira, que atraen aos afeccionados ao sendeirismo e respectan na medida do posible a tradición. “Fixemos unhas vinte entrevistas á xente máis maior das oito parroquias para que nos explicara os camiños polos que viña á romaría”, explica Lucía Sánchez Meitín, técnica do departamento de investigación social do Concello de Xove e impulsora do proxecto. No 2009, ano de inicio do plan, participaron nas rutas 178 persoas; no 2015, 410.
NO 2009, 178 PERSOAS CUBRIRON AS RUTAS. NO 2015, 410
Os roteiros contan con distintos niveis de dificultade -dos seis aos 16 quilómetros e da hora e media de duración ás catro horas e media- e algúns parten de localidades doutros municipios. Un deles transita pola ruta dos Muíños, que permite admirar varias destas construcións. Os romeiros anótanse na iniciativa e ao chegar reciben a ventura -o selado do seu carné de peregrinos– e a azucena, a flor de San Antonio. A falta de dous días para o evento, hai 150 inscritos, unha cifra que probablemente se duplicará.
OS MAIORES DAS OITO PARROQUIAS EXPLICARON OS CAMIÑOS QUE USABAN PARA IR AO EVENTO
O SANTO DOS GANDEIROS
“San Antón garde o gando / e máis o meu becerriño / que está na corte bruando / pola nai que é pequeniño”. Na cultura popular galega, San Antonio era o santo dos gandeiros, que lle pedían protección contra o lobo ou as enfermidades. “Que morrese unha vaca era unha traxedia para unha familia polo importante que era para o seu sustento”, resalta Sánchez Meitín. Agora, con cada vez menos gando nas casas, as peticións teñen máis que ver coas mascotas.
PETICIÓNS PARA ATOPAR PARELLA
San Antonio Venturoso tamén axudaba, segundo o saber popular, a atopar parella ás mozas e mozos solteiros, ou a encontrar obxectos perdidos. Nos arquivos do Concello hai varias referencias de ofrendas. “Os devotos ofrecíanlle doces ou trigo, entre outros bens”, expón a coordinadora do proxecto.
As primeiras fotografías do evento datan da década dos 20. “Temos imaxes de merendas despois da misa, nas que os fotógrafos levaban un decorado propio e que as familias pagaban para ter de recordo”, indica Sánchez Meitín. Retratos que se repetirán, décadas despois e se o tempo o permite, por un plan de recuperación que reviviu o San Antonio da Rigueira.
MISAS
Ao longo da xornada festiva do mércores haberá cinco misas. Pola mañá, as eucaristías celebraranse ás 10.00, 11.30 e 13.00 horas. A última delas estará presidida polo bispo diocesano Luis Ángel de las Heras. Pola tarde serán ás 18.30 e ás 20.30 horas. Tamén haberá sesión vermú e verbena.