A axenda de ocio da Mariña: teatro e contos animan a despedida do verán

As xornadas do Observatorio sobre a diversidade étnico-racial e as festas das Dores e de Santa Eufemia, no concello de Cervo, son outras citas destacadas

Felipe Díaz "Caxoto", cos nenos atentos. AXM

O Xornal da Mariña repasa a axenda cultural e de ocio da fin de semana.

BURELA

Continúan as Xornadas sobre a Diversidade Étnico-Racial organizadas polo Observatorio da Mariña Pola Igualdade, recentemente galardoado co premio Begoña Caamaño.

Este sábado, ás 11.00 horas na casa da cultura de Burela, a cita é coa sexóloga Jeane Costa, que falará da hipersexualización e cousificación étnico-racial.

Esta fin de semana tamén se celebra a carreira solidaria Alas de Vida, en beneficio da Fundación Debra.

Burela ofrece contos na fin do verán. O sábado (19.00 horas, Praza da Mariña), o narrador oral cervense Caxoto mostrará o seu espectáculo ‘Conto para escoitar mentres bailamos un valse‘.

O domingo, ás 18.00 horas na casa da cultura, haberá unha nova sesión de cine infantil.

CERVO

Este sábado (20.00 horas), na Sacabeira, en Sargadelos, o cantautor Carlos Calvo ofrecerá un concerto.

Cervo celebra festas por partida dobre. Este sábado e domingo terán lugar os festexos en honra das Dores, na capital municipal, e de Santa Eufemia, en Trasbar.

As alfombras florais elaboradas pola veciñanza destacarán nestas dúas celebracións, o sábado en Trasbar, e o domingo en Cervo.

No marco dos festexos das Dores hai unha cita gastronómica, a quinta Festa dos Callos, no mediodía do sábado na Praza do Souto.

RIBADEO

O domingo, ás 20.00 horas no auditorio, Teatro del Cuervo presentará en Ribadeo El retablo de las maravillas‘, dentro do programa Camiño Escena, impulsado pola vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Dentro do marco do Mercado dos Domingos, Ribadeo renderá culto esta fin de semana (de 9.00 a 14.00 horas) ao pemento de Piñeira cun festival que inclúe unha mostra, unha charla do mestre de agricultura sostible Rosendo Estévez (11.00 horas) e música (12.30 horas), con Erikas e Peluxías.

VIVEIRO

Continúan os Sábados de Contos (12.00 horas, biblioteca municipal) na Cidade do Landro. Esta fin de semana será a quenda de Charo Pita con ‘Sen barreiras‘, unha historia que dá protagonismo ás mulleres de toda condición.

O Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV) e a Deputación de Lugo ofrecerán o sábado teatro na rúa. Será na Praza da Fontenova, a partir das 13.30 horas, cando Alentía recree a obra ‘No berce dos contos‘.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here