InicioCulturaRibadeo honrará con teatro a Daniel Cortezón no décimo aniversario do seu...

Ribadeo honrará con teatro a Daniel Cortezón no décimo aniversario do seu pasamento

Grupos amadores de Castro de Rei, Palas de Rei e Vedra, este último cun espectáculo para nenos, participarán do 4 ao 6 de outubro na mostra teatral que leva o nome do escritor

Publicada o

- Advertisement -

A décimo sétima Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, que se celebrará no Teatro de Ribadeo do 4 ao 6 de outubro, servirá para render tributo ao escritor ribadense no décimo aniversario do seu pasamento, que se cumpre xustamente na data de inicio do evento.

O encontro foi presentado este mércores pola concelleira de Cultura, Pilar Otero, e pola viúva do dramaturgo, Matilde González. Ata Ribadeo chegarán grupos teatrais de Castro de Rei, Palas de Rei e Vedra.

A edil ribadense dixo que “estamos convencidos de que compartimos co autor de ‘Xelmirez‘ ou ‘A gloria de Compostelaa idea do teatro afeccionado como un piar fundamental daquel outro para o que el escribiu. En cada programa da Mostra tentamos mesturar tipos de público, de textos e mesmo diversificar na procedencia dos grupos aínda que maioritariamente son da provincia de Lugo”, expuxo Otero.

PROGRAMA

O programa comezará o venres, ás 20.00 horas, coa asociación Os Baluros Teatro, fundada no 1969 en Castro de Rei. Desde entón superan as 250 actuacións no Estado. “Traerán a Ribadeo a súa obra máis representativa, ‘O Menciñeiro á forza‘, na que participan varios dos actores e actrices que xa a interpretaran hai máis de 40 anos”, indica Otero.

O sábado será a quenda de Metátese Teatro, agrupación creada en Palas de Rei no 1992. Este colectivo, que naceu coa pretensión de achegar o teatro contemporáneo a todos os públicos, recreará a obra ‘Na busca dun traballo‘.

Finalmente, o domingo, Adaravía Teatro, de Vedra, interpretará ás 17.30 horas a montaxe para nenos ‘Brincacontos‘. O prezo da entrada é de tres euros.

González, pola súa banda, sinalou que “cando o Concello puxo en marcha a Mostra de Teatro Afeccionado e lle puxo o nome de Daniel Cortezón, foi unha grande alegría para el. O traballo destes grupos que saen adiante con dificultades, pero con moito entusiasmo, son os que axudan a manter vivo o espírito do teatro”, asegurou.

Tamén valorou “a permanente homenaxe e recordo que se lle fai a Daniel Cortezón todos os anos con esta mostra, é neste 2019 máis emotivo posto que o venres, día 4 de outubro, cando comeza cúmprense dez anos do seu pasamento”. Así, agradeceu ao goberno local e especialmente “á técnica de cultura, Neves Paz“, o seu esforzo.

ACTIVIDADES PARA NENOS

Otero referiuse a maiores a dous espectáculos infantís que terán lugar xa esta mesma semana. O alumnado de primaria dos colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón desfrutará na biblioteca das dúas últimas propostas de animación á lectura a partir das artes escénicas organizadas para o inicio do curso.

Este xoves, haberá teatro de marionetas con Trécola, que representará ‘Xogo revolto‘, e o venres Aldaolado fará o propio con A ovella Engracia.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...