Miguel de Lira: “pensamos no mar para expolialo e ‘Crebinsky’ fala del como escultor”

O actor participará estará este xoves en Burela, na primeira xornada do festival de cinema marítimo Ultramar

Miguel de Lira, en 'A Esmorga'.

Está a dar un paseo cos seus cans –McQueen, polo actor de ‘A Grande Evasión‘, e Kunta, pola súa negritude- e ás veces falla a cobertura, pero Miguel de Lira atende paciente e repite o que sexa necesario. O intérprete participará este xoves (21.00 horas, confraría de Burela) na proxección de ‘Crebinsky‘ (Enrique Otero, 2011), que abrirá a primeira edición do festival de cinema marítimo Ultramar.

Estás na Mariña ou aínda padeces a vaga de calor?

Estou na Coruña, que se leva ben. Dando un paseo cos cans e dirimindo os típicos conflictos caninos e dos propietarios de cando topan uns con outros (risas).

É a estrea de Ultramar. Que importancia lle concedes a este tipo de eventos?

Pois é un festival que nace humilde, ao abeiro da Feira do Bonito, e que temos que coidar para que se consolide. Fano creadores como Adrián Canoura, xente implicada co cinema, e nace cun concepto moi interesante, que é o de ultramar, que pode ser moi amplo no futuro se a organización o considera así. Hai espazo para medrar e esperemos que así sexa.

O mar é un recurso fundamental para o ser humano e imaxino que tamén para o cinema.

O mar ofrece todo un abano de historias e de lendas. ‘Crebinsky’, xustamente, naceu como unha curtametraxe no 2002, na época do Prestige. Partiu dunha historia de Camelle de principios do século pasado, aínda que non sabemos a data exacta. Atopáronse na costa un montón de botes de pintura branca, que viñan dun naufraxio. A xente empezou a pintar as casas con eles e os mosquitos quedábanse pegados. Resultou que era leite condensada americana e a xente do pobo nunca tal vira, como moito leite en pó (risas).

“a película naceu dunha historia de camelle. apareceron botes de pintura na costa, a xente pintou casas con ela e era leite condensada”

‘Crebinsky’ vén do mundo dos crebeiros, ou dos que andan “ás crebas”, como se di na Costa da Morte. Xente que busca o que o mar deixa na area, que ás veces son tesouros: troncos de caoba, caucho… Segundo a lei da creba, quen atopaba algo pasaba a ser o propietario.

Fotograma de ‘Crebinsky’.

É outra visión do medio mariño, diferente á que temos.

Sempre pensamos no mar como unha fonte de riqueza, un medio a expoliar: de peixe, de tesouros, moitas veces foi campo de batalla durante as guerras… No cinema abundan as películas de piratas. ‘Crebinsky’ fala do mar como gran escultor e os seus protagonistas teñen unha actitude pasiva, esperan o que o mar lles trae.

“‘andar ás crebas’ é, na costa da morte, recoller o que o mar deixa. que ás veces son tesouros”

Como se converteu ‘Crebinsky’ en longametraxe?

A curtametraxe deunos moitas alegrías e comezamos a traballar para ver se esa historia dos crebeiros daría para escribir un guión. Aí quixemos introducir o contexto da Segunda Guerra Mundial.

Foi un sopro de aire fresco.

É unha película que eu calificaría de surrealismo máxico, porque hai moitas cousas que se basean na verdade e moitas cousas inventadas. Funcionou moi ben e o ano que vén, que será o décimo aniversario, faremos algo para celebralo.

En que proxectos estás a traballar?

En Chévere seguimos con Eroski Paraíso, que é unha obra que está a dar moito. Imos realizar unha película a partir da peza, que ten moito de linguaxe cinematográfico. Jorge Coira vai ser o director. E tamén traballo nun par de series, El Matadero e Vivir Sin Permiso, con José Coronado e Leonor Watling.

E tratándose da Feira do Bonito, sábeche?

Home… Na casa embotamos, facemos conserva caseira a partir do bonito de Burela.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here