InicioCulturaUnha exposición repasa corenta anos de democracia en Vegadeo

Unha exposición repasa corenta anos de democracia en Vegadeo

A Casa da Cultura acolle ata o 24 de agosto unha mostra de documentos relacionados coas eleccións celebradas desde 1979

Publicada o

- Advertisement -

“Este segundo boletín da nosa candidatura sae á rúa cando  a indiferencia polo que ocorre dentro do concello –e en xeral en toda a vida política española-  parece gañar terreo e cada vez máis a miúdo se oe que nada cambiou, que todos son iguais ou para que votamos”.   Non  parece un comentario desactualizado mais ten case corenta anos. O texto reproduce o encabezamento dunha folla informativa publicada en marzo de 1980 pola agrupación de electores independentes V-1,  con catro concelleiros na primeira corporación municipal democrática de Vegadeo.

O documento forma parte dunha exposición que repasa a “transición democrática” a través de programas electorais, carteis, pasquíns e recortes de prensa, e que dá claves para entender a historia das últimas catro décadas no plano local, pero non só.

“A próxima primavera cumpriranse corenta anos das primeiras eleccións, e pareceunos un bo momento para facer esta retrospectiva”, comenta Marta Santamarina, da asociación Amigos de Vegadeo y su Concejo, que organizou a mostra aberta na Casa da Cultura veigueña.

ELECCIÓNS DO 79

O groso do material exposto corresponde á primeira lexislatura na que a corporación municipal estaba formada por representantes das agrupacións independentes  V-1 (4), V-2 (3), UCD (4) e PSOE (3).

José Ramón Álvarez de Linera, de V-2, foi elixido alcalde co apoio dos concelleiros do partido de Adolfo Suárez, e dun edil socialista que logo sería apartado por non cumprir coa “disciplina de voto”, segundo recollen as crónicas da época. Agardábase que o PSOE investira ao  candidato da “progresista”  V-1, que ademais lograra o maior número de votos.

A prensa seguiu dando conta do devir dunha primeira lexistura axitada coa propiedade da Casa Villamil e mais as obras da piscina municipal no centro do debate, con algún pleno multitudinario no medio.

No 79, votou o 58% do censo.  A participación medrou nas convocatorias sucesivas, e alcanzou o seu pico, 76%, en 2007

Malia a aritmética da investidura, o voto da esquerda superou ao da dereita e rompeu coas expectativas conservadoras que prognosticaban un maior peso da liña continuísta co franquismo nas  zonas rurais. Unha situación que se repetiu noutros concellos do Occidente asturiano como explicou o historiador Armando López Roca nunha das ponencias das Jornadas de Historia Local que se celebraron coincidindo coa inauguración da mostra. 

A creación de agrupacións independentes foi outra das singularidades do momento histórica na comarca. De feito, formulouse a posibilidade de constituír unha coordinadora de candidaturas independentes do Occidente asturiano, que puxeron en común iniciativas vinculadas ás deficiencias de servizos e comunicacións da bisbarra.

BASTIÓN DO PSOE

V-1 concurriu ás eleccións do 83, que gañou o PSOE, pero non repetiría no 87. “Non fomos capaces de organizar (unha candidatura), nin de organizarnos, por que o desinterese e a apatía envólvenos”, contaban noutra folla informativa na que anunciaban, en abril,  a súa renuncia a continuar.

O multipartidismo inicial deu paso á consolidación do PSOE e PP como forzas dominantes, con incursións na corporación de IU e Foro por unha e outra banda do espectro ideolóxico.

Vegadeo tivo 81 concelleiros e concelleiras durante case catro décadas de historia democrática

 

Nesa confrontación bipartidista, o PSOE saíu claramente gañador. Desde que en 1983, chegou a alcaldía  Servanda García Fernández  (rexedora durante vinte anos) o PSOE só cedeu o mando en 2003, apenas nove meses no inicio da lexistura, e entre 2011 e 2015, cando gobernou a popular Begoña Calleja.

A exposición, que estará aberta ata o vindeiro 24 de agosto na sala de exposición Luis Fega,  facilita aos visitantes este percorrido histórico reflectido en candidaturas, programas e resultados electorais.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...