Xurxo Souto compilará retrouxos e melodías das mulleres do mar da Mariña

A vicepresidencia da Deputación impulsa un proxecto que pretende visibilizar o patrimonio inmaterial que gardan redeiras, percebeiras e outras traballadoras do sector

Presentación de 'Amar a mar' en San Marcos. AXM

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Rede Museística amplían a programación impulsada polo cincuenta aniversario do Museo do Mar de San Cibrao co proxecto ‘Amar a mar: mariñas, marosas e maruxainas‘ que pretende visibilizar a memoria e a cultura mariñeira nas comarcas do interior, coa presenza o escritor e músico Xurxo Souto como compilador dese patrimonio inmaterial.

Trátase dun proxecto colaborativo que toma o mar como referencia xeográfica e vivencial e no que participan o músico e escritor coruñés e o fotógrafo Ignacio Castro “Nachok”. Involucra tamén o tecido asociativo e a comunidade educativa da Mariña Lucense.

Souto percorrerá os concellos costeiros da comarca para pescudar na súa identidade a través das voces das mulleres que traballan ou traballaron no mar. Nos encontros con estes colectivos apelarase á memoria para recoller retrouxos e melodías que forman parte do acervo cultural da Mariña.

“Podémonos achegar á Mariña de moitas formas. Nos escollemos este camiño da visión das mulleres e do poder evocador da música. Iremos pola Mariña adiante descubrindo e aprendendo dos oficios das mulleres. Das redeiras, das percebeiras, das que ían á olga, e tamén das patroas”, relatou o músico e escritor, que desenvolveu diferentes proxectos sobre o universo sonoro das mulleres do mar.

OBRADOIROS FOTOGRÁFICOS

Baixo o epígrafe ‘Derivas‘, Castro, recoñecido polos seus traballos no ámbito da fotografía artística, especialmente en proxectos editoriais, realizará obradoiros fotográficos co mar e as persoas que viven del no foco.

EXPOSICIÓN EN LUGO

O traballo desenvolvido polos dous artistas formarán parte dunha exposición que incluirá pezas, documentos e materiais das coleccións do Museo do Mar de San Cibrao e que inaugurará o 8 de maio no Museo Provincial de Lugo.

“Chegados os cincuenta anos de historia propoñemos reversionar o Museo do Mar no interior do Museo de Lugo para reivindicar a identidade mariñeira da provincia e reflexar a importancia que a mar tivo como sustento e como porta cara a novos mundos”, expuxo Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial, na presentación do proxecto esta mañá nos xardíns do Pazo de San Marcos.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, a nacionalista Maite Ferreiro, sinalou a necesidade de afondar “no recoñecemento e na visibilización da cultura mariñeira, especialmente desde a ollada das mulleres” e agradeceu “o traballo realizado polo persoal da Rede Museística para desenvolver proxectos coma este que nos fan sentir orgullo do propio”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here