O Resu volverá en 2021, do 30 de xuño ao 3 de xullo

A organización anuncia a cancelación das actividades previstas para este ano e asegura que manterá o mesmo programa, con entradas que se renovarán automaticamente

Ambiente no Resu. TONI VILLEN

A organización do Resurrection Fest emitiu este venres un comunicado de prensa no que anuncia o aprazamento da décimo quinta edición do festival ao ano 2021, a “única decisión posible, acertada e correcta”, a causa da pandemia do coronavirus. Os promotores adiantaron ademais as datas do evento, que se celebrará do 30 de xuño ao 3 de xullo, na mesma fin de semana que se ía celebrar neste exercicio (do 1 ao 4 de xullo).

“As entradas serán válidas sen necesidade de facer nada e todo indica que o programa será prácticamente o mesmo, incluídos os cabezas de cartel e co aliciente de novos artistas e sorpresas”, indicou a organización.

System Of a Down, que ían dar en Celeiro o seu único concerto en España, Judas Priest ou KoRn son algúns dos principais atractivos do cartel elaborado polos promotores para a décimo quinta edición.

A organización do Resu lembra que “non hai ningún seguro que cubra unha epidemia como esta” e que “era necesaria a forza maior para romper contratos canto antes e poder aprazar todo sen que houbese problemas legais para 2021″. Neste contexto, salienta que “as perdas ás que nos enfrontamos por todo o traballo e investimento feito terán que ser asumidas por un festival independente que non contará con ingresos en todo o ano”.

ESTIMÁBASE UN IMPACTO NA BISBARRA DE “17 MILLÓNS DE EUROS”

Neste sentido, subliña que no vindeiro mes de xullo agardábase “a uns 120.000 asistentes“, cun impacto económico na comarca “de máis de 17 millóns de euros nunha semana”, con “1.200 empregos directos e 2.700 indirectos“.

PIDEN AOS SEAREIROS “MANTER AS ENTRADAS”

Así, os promotores do festival piden aos seguidores que manteñan as entradas actuais, que servirán automaticamente para acudir ao evento en 2021. “É a maior axuda posible que nos podedes dar”, conclúen.

“Se pola contra, sabedes que non ides poder vir, tamén podedes axudar, xa que daremos unha opción segura para poder revender a entrada a un amigo ou familiar que non puido comprala durante todos estes meses ao estar esgotadas e así, ademais de apoiarnos, poderedes facer feliz a alguén que queira vir o ano que vén. Por suposto, se ningunha desas dúas opcións vos veñen ben, poderase tramitar a devolución da entrada. Hai máis detalles respecto diso na sección de entradas da nosa páxina web”, zanxa a organización.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here